Máis de 300 participantes para o segundo Festival Internacional 'Dragon Boat' no río Lérez
Por Diego Espiño
O tramo urbano do río Lérez, xunto á ponte dos Tirantes, será escenario o vindeiro sábado 26 de xaneiro do II Festival Internacional 'Dragon Boat' Cidade de Pontevedra de Piragüismo.
A Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra reforza a súa aposta cara a esta modalidade, toda unha "obsesión" para eles segundo recoñece o seu presidente, Óscar Ponte, co obxectivo de que "se instaure en Galicia".
Trátase dunha modalidade de piragüismo na que compiten embarcacións compostas por 12 ou 24 padeeiros, dando padexos ao ritmo que impón un tambor situado na parte dianteira. Orixinario de China, o Dragon Boat vese agora en Galicia como " unha modalidade prioritaria e fundamental para abrir o piragüismo á sociedade", sinalou o presidente da Federación Galega, Alfredo Bea, xa que nela poden competir persoas de diferentes idades e sen gran preparación física, máis aló das competicións de elite.
En canto ao festival organizado polo club pontevedrés, reunirá máis de 300 deportistas en 4 categorías: masculina, feminina, mixta e BCS, categoría especial que trata de concienciar sobre a loita contra o cancro de mama composta por mulleres que afrontaron a enfermidade.
A competición iniciarase ás 10:10 horas da mañá, con quendas de 200 metros nas que se medirán cara a cara dúas embarcacións en formato eliminatorio. Será así ata pasado o mediodía, retomándose ás 16:00 horas coas roldas de semifinais e a final. Por medio, a Casa da Luz acollerá como complemento unha charla das participantes na categoría BCS ás 13:15 horas.
Relacionadas:
-
A Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra destaca na 'Dragon Boat'
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Pontevedra, protagonista no calendario nacional de piragüismo para 2019
Por Diego Espiño |
-
O Ciudad de Pontevedra remata o ano coa presentación dos seus 'dragóns'
Por Redacción & Diego Torrado |
-
No río Lérez resoan os tambores do Festival Dragon Boat
Por Diego Torrado & Redacción |