O Waterpolo Pontevedra cae na Coruña e afástase do primeiro posto da liga
Por Redacción
Case imposible ten xa o Club Waterpolo Pontevedra o obxectivo de pelexar polo primeiro posto na liga regular da Primeira División Galega.
Os pontevedreses tiñan a pasada fin de semana unha cita clave para tentar facerse cun dos postos que dará vantaxe de campo no play-off polo título autonómico, pero cederon nun disputado partido na casa do CN Coruña (12-9), un dos líderes da clasificación.
Os pupilos de Javi de Sáa, que se presentaban na cidade herculina con numerosas baixas con respecto ao equipo do pasado curso, comezaron a remolque (3-1), pero non baixaron os brazos chegando ao descanso cunha mínima desvantaxe (4-3).
Seguían dominando os locais, co Pontevedra sen despegarse no marcador ata o 10-9 que reflectía o marcador a falta de 3 minutos para o final. Con todo a remontada non foi posible e o CN Coruña deu unha última poutada para quedar cos puntos en xogo.
Tras este partido, e a falta de tres xornadas para que conclúa a tempada regular, o CW Pontevedra é terceiro con 10 puntos, a 5 dos dous primeiros postos que ocupan o CN Coruña e o CW Santiago.