O Celta veta os medios de comunicación pontevedreses
Por Redacción
Veto, "lei do silencio"...Absurdo, estraño e impropio. O certo é que a intención de PontevedraViva de ofrecer aos afeccionados as impresións do adestrador do Celta B Pichi Lucas, sobre o partido que o domingo lles enfronta en Pasarón ao Pontevedra, encontraron a rotunda oposición do club vigués a que calquera dos seus adestradores ou xogadores efectúen ningún tipo de declaración previa ao partido, aínda que con matices que explicamos seguidamente.
Trátase dunha norma, cuxa autoría ninguén asume escudándose nun misterioso "son normas do club", imposta para a semana previa ao partido que calquera dos seus equipos vaian disputar. Así, dende o gabinete de prensa do Celta recoñécese abertamente que se o seu equipo xogase contra, por citar un exemplo, o Rácing Villalbés, non habería inconveniente en autorizar a oportuna entrevista, pero ao ser contra o Pontevedra, as declaracións pretendidas poderán facelas a calquera medio de comunicación, agás aos pontevedreses.
Como consecuencia desta prohibición, a información previa ao partido Pontevedra-Celta B vémonos obrigados a limitala á parte granate, aclaración que facemos en atención aos afeccionados do Celta que tamén nos len e que se verán privados polo seu club de coñecer as impresións dos seus adestradores e xogadores de cara a este partido.
Unha reflexión que deixamos no aire para a entidade viguesa é se, precisamente nesta semana que o seu primeiro equipo xoga contra o Real Madrid, tamén aplicarán a norma para os medios madrileños que pretendan solicitar as opinións de Paco Herrera ou calquera xogador.
Lamentando este modo de actuar, dende PontevedraViva queremos anunciar que, en xusta correspondencia, dende este humilde e aínda mozo medio de comunicación, o próximo domingo na nosa información sobre o partido entre o Pontevedra e o Celta B nos absteremos de facernos eco das declaracións que efectúen técnico e xogadores vigueses á conclusión do choque.
Aclaración do gabinete de prensa do Celta
Publicada a información que antecede, recibimos chamada teléfonica do gabinete de prensa do R.C. Celta de Vigo na que se manifesta non ser certo o contido da noticia publicada por PontevedraViva, se non que a prohibición atinxe exclusivamente aos adestradores, pero que non se fai extensiva aos xogadores, que poden ser entrevistados e que antes de poñer en coñecemento público esta circunstancia deberiamos ter falado con algún responsable de maior nivel xerárquico da entidade, a nivel dirección xeral ou similar, para discutir unha norma que segundo din leva en vigor cinco anos.
Pola nosa banda aclarar que a petición da entrevista se fai a través do gabinete de prensa (como se fai habitualmente con calquera club), tras chamar directamente ao Xefe do devandito gabinete e á sede social do Club, sen lograr comunicar con el, polo que nos preguntamos: se chamamos directamente o Director Xeral para un asunto como este atenderíanos? e se o facía remitiríanos precisamente ao Gabinete de Prensa?.
Agradecemos que se nos permita entrevistar os xogadores, pero declinamos a opción por entender que a decisión da quen se entrevista é do entrevistador, aceptando (aínda que non compartindo) que os entrevistados se neguen a selo ou algunha norma interna do club o prohiba. Unicamente aclaramos que se non damos a información que entendemos interesante para o afeccionado é porque causas alleas nolo impiden.