O Peixe perde ante o Navarra pero mantense en postos de play-off (76-64)
Por Sofía Lorenzo
O Peixe chega ás últimas xornadas da primeira fase de liga nunha boa posición (5ª) e o seu obxectivo seguirá sendo pelexar polo ascenso durante a segunda parte da competición. Despois da vitoria ante o CB Tormes, tocoulles aos marinenses enfrontarse a outro dos pesos pesados, o Basket Navarra, que, pola súa banda, goza da mellor serie do grupo con 4 triunfos consecutivos. Así mesmo, os de casa gañaron aos navarros no partido da primeira volta (81-69), cunha cómoda vantaxe que tentaron manter o venres, esta vez no Polideportivo Arrosadia.
O cadro visitante buscou, durante todo o encontro, o seu xogo interior, apoiado no seu número 5, Badmus, que foi unha vez máis, xunto con Gregory, o máximo anotador do conxunto galego. Doutra banda, os anfitrións deixaron claro desde o principio que serían a circulación rápida de balón e o seu lanzamento de media e longa distancia as bazas que utilizarían para levar os 2 puntos.
A primeira parte, a pesar dos dous parciais iniciais (21-20 e 19-18), que, finalmente, déronlle unha pequena vantaxe aos locais, estivo moi igualada entre os dous equipos. Exceptuando dúas ocasións, nunca chegaron a separalos máis de 4 puntos.
A segunda foi totalmente distinta. Desde un primeiro momento, o equipo navarro impúxose no marcador e, a partir dunha fantástica actuación de Sonseca, soubo marcar distancias e establecer unha renda moi complicada de recuperar para os pontevedreses. Tanto foi así que mesmo chegaron a estar a 14 puntos ao pouco de iniciarse o últimos vinte minutos (59-45). De nada valeulles aos visitantes o sprint final ao comezo do último cuarto, xa que, a pesar de realizar un parcial de 0 a 7, foron incapaces de levantar a devandito marxe no que restou de choque. Desta forma, concluíu cun resultado desfavorable para os de Marín (76-64).
En definitiva, é moi difícil gañar cando non se ten unha boa noite no que a acerto de cara á canastra refírese. Os de Javi Llorente estiveron moi lonxe de conseguir un bo resultado neste aspecto. Proba máis evidente diso foi a pouca puntería, mesmo, desde os '4,60', onde se lles escapou, practicamente, a metade dos puntos posibles (12 de 29).
Será a próxima semana, nun partido moi duro ante o Juaristi ISB, cando tenten ascender posicións e manterse no alto da fase Oeste. Para iso, contarán co apoio da súa afección o vindeiro sábado 26, na Raña.
Relacionadas:
-
Paliza do Peixe ao Cantabria, un dos pesos pesados da categoría (52-91)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Peixe Galego refórzase co escolta Randy Onwuasor
Por Redacción |
-
O Peixe estrélase contra a defensa do Juaristi ISB (60-79)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Peixe volve vencer ao CB Tormes e consolídase nos postos de play-off (88-74)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Peixe comeza o ano con mal pé ante o Ávila (68-48)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Peixe rompe a súa boa xeira tras perder ante o CB Zamora (70-65)
Por Sofía Lorenzo |