O Voleibol Pontevedra inicia o ano con derrota
Por Redacción
O regreso da competición na Primeira División Galega non foi o esperado para o Club Voleibol Pontevedra.
O CVP Alianza Española de Seguros S.A. caeu derrotado de maneira clara na pista dun dos equipos da zona alta da táboa como o Calasancias da Coruña.
Pese ao bo inicio de partido, con seriedade no xogo defensivo e de contraataque, o primeiro set levárono as locais por 25 a 22.
Ese tenteo fixo dano ao CVP, que despois cedería nas dúas seguintes mangas por un dobre 25-19.
Tras esta cita, a próxima xornada o conxunto lerezano terá unha importante cita recibindo no CGTD a un rival directo, o A.D. Xiria, que lle precede na clasificación desde o sexto posto.