O 15 de xuño inaugúrase o Campo de Arousa Golf en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez & Aitana Vidal
Despois de recibir por parte da Xunta de Galicia a pertinente a autorización, faise realidade un novo campo único de 18 buratos pares tres e 18 buratos de Pitch & Putt.
O campo abrirá as súas portas o próximo sábado 15 de xuño cun percorrido de nove buratos que os xogadores poderán gozar en dúas voltas, con diferentes saídas.
O proxecto do Pazo de Rubiáns concibido por Omar Suarez, presidente de Arousa Golf e elaborado polo enxeñeiro agrónomo, Guillermo Hermo, contou coa participación de José Manuel Cafrán deseñador doutros 25 campos de golf. Esta instalación deportiva é a terceira da bisbarra do Salnés despois dos do Castrove (Meis) e a illa da Toxa (O Grove).
A firma que xestiona este proxecto destacou que a autorización da Xunta posibilita a construción da Casa Club e a estrutura da cancha de prácticas de lanzamento, únicos elementos importantes que, nestes momentos restan por engadirlle ao proxecto.
Este xoves o presidente da firma Arousa Golf, Omar Suárez, acompañado polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, e polo rexedor de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, fixeron un percorrido polo campo.
O día 16 de xuño terá lugar o primeiro Torneo Reto Golf Pitch & Putt que organiza o Club Celtia e no que participarán xogadores doutras entidades como son os casos de Rois e o Club Arousa Golf, recén creado en Vilagarcía e que terá a súa base de operacións en Rubiáns.
O Club Arousa Golf xa suma preto de medio millar de asociados
Durante a presentación realizada este xoves, o presidente de Arousa Golf anunciou que as obras para a posta en marcha dos nove buratos restantes comezarán de forma inmediata e que poderían estar dispoñibles cara a finais de ano.