O novo multiusos da Xunqueira "con animaliños" estará listo a mediados de xaneiro
Por Oskar Viéitez
Mesmo durante estes días de Nadal trabállase sen descanso na reforma integral do pavillón multiusos da Xunqueira para que poida estar dispoñible "a mediados de xaneiro". Así o destacou este mércores o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores nunha visita ás obras na que estivo acompañado polo concelleiro Demetrio Gómez.
"Era unha obra absolutamente necesaria e que agardemos que ao longo do mes de xaneiro, se pode ser a mediados mellor ou antes de finais, que estea operativo", afirmou Lores.
Isto non quere dicir que as obras teñan que concluír necesariamente para esas datas senón que as pistas polideportivas poderán utilizarse compaxinando algúns traballos.
O proxecto ten un orzamento de 1,9 millóns de euros, dos que o 80 % achégaos a Unión Europea.
"Estamos xa no final dunha obra moi importante, bueno, un obrón", comentou o alcalde.
O intenso uso que xa tiñan as canchas ofrecerá, tras a reforma, máis posibilidades de xogo xa que mediante unhas pantallas poderase dividir unha das pistas en dúas metades e a outra en tres campos. Por certo que o pavimento destas pistas tamén é novo e haberá dúas pantallas LED que funcionarán coma marcadores.
Os vestiarios darán servizo non só aos deportistas que se atopen no pavillón, tamén aos alumnos do Instituto Xunqueira 2 e aos campos de fútbol exteriores de herba sintética, que terán acceso directo ao recinto.
En total existen un total de 19 vestiarios cunha capacidade media dunhas 20-30 persoas, co que poden atender arredor de 400 deportistas simultáneamente.
"É un cambio total e absoluto" sinalou o alcade facendo fincapé na mellora de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas con ramplas, ascensor, aseos adaptados, e demais elementos que sitúan no século XXI este pavillón que ten unha antigüidade de 24 anos.
Ademais citou ás novas bancadas instaladas, a ventilación mecánica do recinto para eliminar a condensación e aliviar as altas temperaturas que se rexistraban durante o verán, e que están a substituírse todos os servizos de electricidade, iluminación, de calefacción e de auga quente.
Tamén se está renovando a cuberta do pavillón con illante térmico e un tratamento impermeabilizante.
DECORADO CON ANIMAIS
Fernández Lores tamén explicou que as grandes cristaleiras estarán decoradas con vinilos "para que entre luz pero que non entre sol". O motivo escollido polo Concello para esta decoración "consecuentemente co espazo no que estamos son animaliños que teñen que ver coas xunqueiras".
Oito clubs utilizan a instalación: Teucro, Cisne, Leis, Voleibol Pontevedra, Arxil, Estudantes Pontevedra, o Club de Baloncesto Pontevedra e os equipos da Liga Asfusa.
Relacionadas:
-
O renovado multiusos da Xunqueira, preparado para o inicio dunha nova tempada deportiva
Por Redacción |
-
O Multiusos da Xunqueira reabrirá o vindeiro luns 1 de abril
Por Diego Espiño |
-
Cidadáns Pontevedra critica o atraso na apertura do Pavillón Multiusos da Xunqueira
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello ten en marcha máis de 5 millóns de euros en obras dos fondos FEDER
Por Oskar Viéitez |
-
As obras avanzan a bo ritmo e os adestramentos poderán volver ao pavillón da Xunqueira en decembro
Por Redacción |
-
As pistas deportivas provisionais, a pleno rendemento no Recinto Feiral
Por Redacción |