O Arosa mira cara arriba tras machacar con autoridade o Ribadumia a domicilio (0-4)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
O Arosa consegue poñerse, antes das vacacións de Nadal, a 5 puntos dos postos de play-off tras gañar por goleada na Senra. Pola súa banda, o Ribadumia non logra rematar unha serie inestable (3 derrotas e un empate nos últimos 4 partidos) e comeza o parón moi preto da zona de perigo.
Malia que o cadro de Rafa Sáez foi superior no xogo durante practicamente todo o encontro, os locais non o puxeron fácil. Pero unha defensa frouxa en momentos clave condenou ao Ribadumia a unha dolorosa derrota.
Comezou Sylla conquistando a portería de Ángel no 12' da primeira metade cunha contra rapidísima despois dunha recuperación de balón no centro do campo. Isto obrigou os do Ribadumia a espertar e pelexar polo empate. Foron varias as ocasións nas que estiveron preto de facelo, pero unhas boas actuacións de Manu Táboas e dun bo xogo defensivo dos visitantes frustraron os intentos dos de Luís Carro. O choque foise ao descanso co 0-1 no marcador e con todo aberto de cara á segunda parte.
Tras o paso polos vestiarios a dinámica apenas cambiou. O Arosa continuou sendo superior e o Ribadumia non cesou as súas tentativas de gol pero sen fortuna. Tanto foi así que, nada máis comezar, Moncho case iguala o encontro cun tiro a porta demasiado alto. No 48', Trapero, a pesar do que os afeccionados do cadro local protestaron ao entender que había unha falta ao seu porteiro, anotou o segundo (0-2). Ante a vantaxe que gañaran os arousáns, Eloy tratou de recortar distancias, pero o seu disparo en fóra de xogo frustou as esperanzas dos locais no 60'. Con moita comodidade, Sylla volveu acertar nunha contra e conseguiu o 0-3. Tras o abandono do campo de Manu Rodríguez por mor de problemas no xeonllo (entrou Mauri no seu lugar), un control extraordinario de Chiqui fixo que os de Carro encaixasen o definitivo 0-4.
Consulta a acta do Ribadumia-Arosa.
Pola súa banda, o Céltiga non logrou abandonar esta fin de semana a mala dinámica de derrotas (8 nas últimas 8 xornadas) que o ten condenado ao penúltimo posto da clasificación e ao que iso comporta en canto a posibilidades de saír do pozo. Foi o Alondras, que pelexa polos postos de play- off, o que gañou no Salvador Otero, sumando así a súa cuarta vitoria consecutiva.
Comezou bastante igualado o encontro, máis a medida que pasaban os minutos, os visitantes gañaban terreo aos da Illa. Así, no 30' do primeiro tempo, Marcos Bermúdez encaixou un gol de Jonás, que daba vantaxe aos de Antonio Fernández antes do descanso.
Tras o paso polos vestiarios, os de Manolo Núñez dominaron o partido e Jonás volveu acertar, conseguindo o 0-2 no 51'. Foi André quen, uns minutos despois faría aos de casa encaixar o 0-3. Finalmente, Diego Lamas, tirando de orgullo e tras o último tanto visitante, logrou o ansiado gol e o definitivo 1-3.
Relacionadas:
-
De novo, o Arosa suma un punto tras empatar sen goles ante o Ourense CF
Por Sofía Lorenzo |
-
O Arosa empata ante o Somozas (2-2) pero mantense preto dos postos altos da táboa
Por Sofía Lorenzo |
-
O Arosa descólgase e o Ribadumia sae goleado de Santiago
Por Redacción |
-
O Arosa gaña ao Arenteiro despois de tres xornadas sen vitoria (2-1)
Por Redacción |