Vilaboa premia os deportistas e clubs do ano
Por Sofía Lorenzo
Vilaboa escolle os mellores deportistas e clubs que, tras a finalización da tempada 2017/18 mostraron, coa súa entrega ao longo das súas traxectorias nas respectivas disciplinas, un gran compromiso co deporte e cos valores que este persegue e tenta transmitir. Por iso, todos eles foron recompensados, esta fin de semana, cos Premios do Deporte do concello pontevedrés.
Foron 12 os mozos e institucións vilaboeses galargoados polos seus méritos, tanto a nivel autonómico como nacional e, mesmo, internacional por parte dalgúns deles. En primeiro lugar, Rosa Barros foi elixida mellor deportista feminina polas seus abundantes logros en piragüismo. Na mesma materia, o grupo K4 Vilaboa, formado por Javier Conde, Breixo Buján, Antonio Palmás e Brais Sánchez, son os mellores na categoría masculina por finalizar subcampións de España en 1000 metros e campións da Copa Princesa de Asturias.
Mateo Crespo (campión español de crossfit), Martín García (campión galego de boxeo 69 Kg), Fátima Rodríguez (campiona de España de kick lixeiro), Noemí Martínez (subcampiona de España de kick lixeiro) e Sara Moreira (porteira xuvenil de fútbol sala, actualmente no Leis) recibiron o Premio Promesa. Pola súa banda, Luciano Prego foi premiado pola súa traxectoria no piragüismo, xa que foi varias veces campión de españa de remo e gañador de diversas bandeiras da Kontxa e ligas ACT de traiñas. Ademais, o Premio Organización de Competicións Deportivas foi para o Club Kamikaces BTT e, finalmente, fíxoselle a Elías Peón unha mención especial por ser campión europeo de policías e bombeiros cronoescalada BTT, subcampión europeo cronoescalada de estrada e terceiro no europeo critérium sprint.