A eficacia do Atlético de Madrid B imponse ao xogo gris do Pontevedra (2-0)
Por Redacción
Boas sensacións, pero mal resultado. Dominio visitante, pero goles e efectividade locais. O Atlético Madrid B fixo valer a calidade individual dos seus homes punta para impoñerse a un Pontevedra valente, querendo o balón, pero sen pólvora ofensiva e con lagoas de intensidade e concentración.
Enfrontábanse dous equipos en plena xeira positiva. Os locais tras sumar 10 puntos dos últimos 12 posibles e os granates habendo feito pleno no mesmo período. A despedida de ano, que non de primeira volta á que lle resta un partido xa no novo ano, non será todo o feliz que desexaban equipo e afeccionados pontevedreses, tras perder nun escenario de grato recordo, pero que esta vez deixa un resaibo amargo por non poder puntuar.
Luismi apostou por dar continuidade ao seu once inicial do pasado domingo, coa única variación de Arruabarrena por Javi Pazos na punta de ataque, mantendo o clásico 4-2-3-1. Pola súa banda, o filial colchoneiro, condicionado polas necesidades do primeiro equipo, viuse privado do concurso de Montoro, Joaquín e Borja Garcés, o que puido influír na súa posta en escena, ofrecendo un partido no que cedeu o protagonismo ao conxunto visitante, máis despois de verse pronto por diante no marcador, mantendo sempre unha superior agresividade nas disputas.
Cristian deu o primeiro aviso local aos catro minutos, cun disparo desde a frontal que se marchou fóra. Foi un espellismo, porque os visitantes saíron decididos a controlar e dominar o partido e a súa resposta chegou superado o cuarto de hora, nunha acción de Pedro Vázquez taponada por un defensa para impedir o gol e mandar o balón á esquina.
O Pontevedra estaba a mandar, ben asentado sobre o cesped, recuperando moi arriba, pero atopouse cunha xogada illada nada dun envío longo que atopou a Camello. Edu evitou o gol en primeira instancia cunha gran parada, pero o balón quedoulle franco a Mollejo, que aproveitou para adiantar aos seus. Foi clave para o que viría logo.
Puido ser peor, porque pouco despois, tras unha clara falta non sancionada polo colexiado sobre Campillo, os madrileños recuperan o balón e terminan disparando ao poste nun remate de Camello.
O gol e o aviso posterior afectaron a un Pontevedra que seguiu xogando mellor, aínda que cometendo bastantes erros nas entregas, pero perdeu profundidade e atrevemento, morrendo sempre os seus intentos ao chegar ás inmediacións da área colchoneira, sen conseguir crear verdadeiro perigo ante a meta de San Román.
O regreso de vestiarios tras o descanso non trouxo boas noticias para un Pontevedra que saíu despistado e pagouno encaixando un verdadeiro golazo nun disparo desde a frontal a cargo de Toni Moya, que se coou pola escuadra.
Co marcador moi costa arriba, Luismi deu entrada a Álex González por Pibe e pouco despois a Mouriño por Berrocal. Entra ambas as substitucións os granates puideron meterse de novo no partido, pero evitouno o meta madrileño San Román, cunha sensacional parada a disparo de Pedro Vázquez, e salvando tamén o posterior remate mordido de Romay.
Asumindo riscos en defensa, a calidade dos branquivermellos impoñíase na zona quente e Camello mandaba novamente o balón ao poste, tras un erro defensivo dos galegos.
Queimou as súas naves o técnico pontevedrés dando entrada a Javi Pazos para pasar a xogar con dous dianteiros e o seu equipo seguiu dominando, tendo a posesión, pero sen inquietar a un Atlético Madrid B ben posicionado defensivamente.
Campillo tivo unha boa opción á saída dun corner, a falta de 10 minutos, pero o seu remate foise desviado. Aí morreu o empuxe visitante, tanto que, rendido á evidencia, a punto estivo de chegar un castigo maior, cun disparo de Rubén Fernández que se estrelou no traveseiro da portería galega. Excesivo castigo, pero o gol é o rei e os colchoneiros estiveron demoledores en ataque e mesmo puideron conseguir máis goles.
ATLÉTICO DE MADRID B (2): San Román, Ricard (Solano, minuto 76), Samu, Tachi, Víctor Ruiz, Cristian, Mollejo, Toni Moya, Camello (Darío, minuto 72), Carlos Isaac e Rubén Fernández.
PONTEVEDRA CF (0): Edu, Campillo, David Castro, Churre, Adrián León, Kevin Presa, Romay, Berrocal (Mouriño, minuto 65), Pibe (Álex González, minuto 56), Pedro Vázquez (Javi Pazos, minuto 70) e Arruabarrena.
Árbitro: Guillermo Conejero Sánchez (Estremadura), auxiliado nas bandas por Agustín Banda Carmona e José Manuel Fernández Fernández. Amoestou a Carlos Isaac e Camello, no Atlético de Madrid B, e a Álex González e Arruabarrena, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 21: Mollejo. (2-0) Minuto 51: Toni Moya.
Incidencias: Campo Cidade Deportiva Wanda-Cerro del Espino (Majadahonda-Madrid). Uns 200 espectadores, con presenza da Pena Territorio Granate, como sempre que o Pontevedra xoga en terras madrileñas, e uns vinte seguidores do conxunto galego.
Relacionadas:
-
Luismi, satisfeito porque o plantel "se cuidó en vacaciones"
Por Diego Espiño |
-
Ánimos renovados na volta ao traballo do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra CF goza dunhas merecidas vacacións antes de abordar o partido contra o Real Madrid Castela
Por Sofía Lorenzo |
-
Javi López, tras a súa grave lesión: "Ahora voy a ser un aficionado más"
Por Diego Espiño |
-
Último esforzo do Pontevedra antes das vacacións visitando a un "correoso" Atlético B
Por Diego Espiño |
-
Nacho López recibe a alta médica e apúntase á última xornada do ano
Por Diego Espiño |
-
A lesión de Javi López abre a porta para fichar
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra supera a Las Palmas Atlético guiado por un inmenso Kevin Presa (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |