O Marcón Atlético empata sen goles ante a Unión Deportiva Atios
Por Redacción
O Marcón Atlético chegou á décima sétima xornada de liga na metade da táboa e con 7 vitorias. Esta fin de semana continuou sumando no Carrasco ante a Unión Deportiva Atios nun partido sen goles e moi igualado, pero cun bo traballo defensivo por parte dos locais.
No tempo de desconto, Sapi, por parte do Marcón, e Christian, pola dos de Porriño, foron expulsados do campo polos colexiados.
Consulta a acta do Marcón-Atios.
Pola súa banda, despois de catro xornadas consecutivas sen puntuar, o Xuventú Sanxenxo gañou ao Villalonga, que non consegue levantar cabeza e suma xa 12 derrotas en 19 partidos (incluida a desta fin de semana en San Pedro).
Comezou moi igualado o choque, e non sería ata o 21' da primeira metade que un gol de Jonathan decantaría a balanza cara ao cadro visitante (0-1). E así se foi o partido ao descanso, coa vitoria provisional dos de Sanxenxo.
Tras o paso polos vestiarios, a dinámica non cambiaría ata pasada gran parte do tempo. Xa que un tanto de Nico Fraga igualou o marcador (1-1). Con todo, pouco duraríalle a alegría aos locais, xa que Firi devolvería a vitoria aos do Salnés no último minuto do encontro (1-2).
Consulta a acta do Villalonga-Xuventú Sanxenxo.
O USD O Grove, colista de Preferente, sumou esta fin de semana a súa cuarta derrota consecutiva ante o Juvenil de Ponteareas. A pesar de non conseguir puntuar en Pardellas, os de Santiago Mariño lograron anotar dous goles durante o encontro ante un equipo da parte media da táboa.
Comezou moi igualado o partido entre os dous bandos. Mostra diso é que non foi ata o 37' da primeira metade, que Quique García poñería por diante aos do Salnés (0-1). E así se marcharían ao descanso, coa sensación de estar máis preto dos tres puntos da xornada.
Con todo, escasos 3 minutos despois do regreso dos vestiarios, Rubén Besada igualou o marcador facendo máis complicada a vitoria visitante. Isto faríase máis difícil cun segundo tanto de Besada na portería de Álex Sánchez no 57'. Pero a cousa non quedaría aí, xa que unha acción de Quique García volvería igualar o choque (2-2). Parceía que todo estaba xa feito, pero no último minuto, os de Ponteareas conseguirían que, unha xornada máis e a pesar dos seus esforzos, o USD O Grove continuase sen puntuar.
Consulta a acta do Juvenil-USD O Grove.
O Beluso gañou esta fin de semana nas Laxes ante o Alertanavia nun partido moi igualado desde o primeiro momento. Parecía que o choque finalizaría en táboas, xa que os equipos fóronse ao descanso co marcador sen goles. Non foi ata o 56' que Adri Cidrás conseguiu anotar o 1-0 que lles daría a vitoria e, con ela, os tres puntos para seguir pelexando polo máis alto da clasificación.
Pola súa banda, o Alertanavia continúa moi preto dos postos de descenso con 11 derrotas en 16 partidos (contando co último en Bueu).
Consulta a acta do Beluso-Alertanavia.
Como era de esperar, o Cultural Areas gañou esta fin de semana en Lampáns ante o Amanecer, que con esta suma dúas derrotas consecutivas e mantense na parte media-baixa da clasificación.
A pesar do resultado, comezou moi igualado o choque. Tanto foi así que ata o regreso dos vestiarios non se estrearía o luminoso. O primeiro en anotar foi o equipo local por medio de David no 52'. Así, o Amanecer gañou algo de confianza ao mesmo tempo que vantaxe no marcador. Pero non duraría moito, xa que, catro minutos despois, Diego Ponte igualaría o partido. A partir dese momento, os visitantes non fixeron máis que sumar grazas a Jorge, que foi o artífice dos tres goles restantes (1-4).
Consulta a acta do Amanecer-Cultural Areas.
Finalmente, ao Valladares tocoulle regresar este domingo a Vigo cunha goleada ás súas costas. Nesta ocasión, foi o Juventud Cambados que, facendo de Burgáns un fortín, levou os merecidos tres puntos da xornada para continuar pelexando polo primeiro posto contra o CD Pontellas. Pola súa banda, o Valladares mantense na metade da clasificación.
Dous dos goles do equipo local foron anotados no primeiro tempo do choque. O primeiro deles por Grego no 16' e o segundo por Iñaki no 31'. Así, os de Cambados fóronse ao descanso cunha cómoda vantaxe.
Tras o paso polos vestiarios, a dinámica non cambiou, xa que os locais marcaron tres goles máis ante a portería de Diego Pérez. Ramón foi o que logrou o 3-0 e, finalmente, Ardanaz acertou dúas veces máis conseguindo o definitivo e esmagador 5-0.
Relacionadas:
-
O Marcón Atlético comeza o ano perdendo ante o Valladares (3-0)
Por Redacción |
-
O Marcón Atlético perde no Carrasco ante un contundente Cultural Areas (0-2)
Por Redacción |
-
O Marcón Atlético gaña ante o Velle no Carrasco (2-0)
Por Sofía Lorenzo |
-
Jony, del Antela, amarga la jornada al Marcón Atlético (3-0)
Por Redacción |