"Rajada" co árbitro do adestrador de Las Palmas At.: "unha cousa son erros e outra cousa é maldade"
Por Ramiro Espiño
Despachouse a gusto o adestrador do Las Palmas Atlético na rolda de prensa que seguiu ao partido disputado polo seu equipo en Pasarón fronte ao Pontevedra. Juan Manuel Rodríguez cargou con dureza contra o árbitro do partido, o castelán-leonés Carlos Pérez Fernández, ao que culpou da derrota dos seus por sinalar un penalti segundo el inexistente, e acusar o colexiado de actuar con "maldade".
"Cando mellor estabamos a facelo maltrátasenos -dixo- cunha xogada inaceptable. Non hai corner, non hai penalti. Paréceme de suma gravidade, porque unha cousa son erros e outra cousa é maldade".
O técnico canario seguiu sen morderse a lingua, vertindo graves acusacións e denunciando unha suposta persecución arbitral cara ao seu equipo: "Considerámonos maltratados e xa non só neste partido. Non é por perder, pero non se pode permitir unha serie de cousas que nos están sucedendo. Se isto é penalti, o de fai quince días no campo do Coruxo, que é unha pardelera (lance de loita canaria), é de vergoña. Pero é que logo che pitan na túa casa e fanche o mesmo. E non, non estou para aguantar. Xa o ano pasado dixen basta e este ano digo acabouse, acabouse, porque xa está ben".
Juan Manuel Rodríguez buscou unha complicidade dos xornalistas, que non atopou, co seu punto de visto: "A min o que me gustaría é que vostedes que están a ver sexan xustos na realidade. Entre todos, temos que participar da verdade, non esconder a verdade".
Ao preguntarlle sobre se consideraba que existía unha persecución cara ao seu equipo foi tamén rotundo: "O que vin nos últimos dous meses é lamentable".
Volvendo á xogada centro da polémica, pero que só discutiu el e da que as imaxes televisivas parecen quitar a razón ao técnico canario, dixo: "Por mor desa xogada desquicia aos xogadores. O que eu vin non me gustou nada. Vir desde tan lonxe e o que queremos é xustiza nas cousas. Non podo estar de acordo co que vin hoxe, non son parvo. Xogamos un partido equilibrado, que se desequilibrou non polo Pontevedra nin por nós".
Sen dúbida unhas durísimas palabras que, de ser trasladadas ao Xuíz único de competición poden derivar nunha dura sanción para o adestrador do filial grancanario.
Ao pé desta información incluímos o contido completo das declaracións de ambos os técnicos.