Os escolares de Marín, a golpe de remo
Por Redacción
O pavillón municipal da Raña foi escenario este venres da segunda edición do Trofeo Ence-Concello de Marín de Remo Ergómetro.
Esta competición escolar, incluída dentro da programación da Semana Abanca, congregou a nove centros escolares, sete deles de Marín e outros dous de Pontevedra: O Sequelo, A Laxe, Carballal, Ardán, Seixo, Inmaculada, San Narciso, Sagrado Corazón de Praceres e Salvador Moreno.
En total foron 225 os participantes, de 5º e 6º curso de Primaria.
O equipo vencedor, "A Laxe", gañou unha excursión cultural para todos os alumnos do colexio, á cidade de Lugo. O segundo e terceiro clasificados foron "Seixo" tamén de Marín e "Praceres" de Pontevedra.
Para preparase para a cita, os colexios tiveron a oportunidade de practicar co remo ergómetro durante dúas semanas. O obxectivo de todos, repartidos por equipos, era que as máquinas marcasen o máximo de metros posible de percorrido, para o que cada participante contaba cun minuto de tempo.
A xornada estivo organizada polo Concello de Marín co apoio técnico do Club de Remo Ría de Marín e o Vila de Cangas.