Os equipos do Celta, vencedores do cuarto Torneo Internacional Tucho de la Torre
Por Redacción
Marín vibrou un ano máis, e van catro, co Torneo Internacional Tucho de la Torre de fútbol, para as categorías benxamín e alevín.
Algunhas das mellores canteiras do fútbol nacional e tamén portugués, coa presenza do FC Porto, daban lustre ao torneo organizado no campo de San Pedro pola EF Villa de Marín.
A actividade iniciouse o día 6 de decembro coa fase previa, na que participaron numerosos clubs locais e na que lograron clasificarse para a fase final o Ponte Caldelas e o Vila de Corpus en idade benxamín e o Portero 2.000 na alevín.
O sábado 8 deu comezo esa fase final cunha xornada maratoniana na que participaron equipos como Celta, Deportivo, Lugo, Real Zaragoza, Real Sporting, Oviedo ou Valladolid, entre outros, ademais de clubs autonómicos e o citado Porto.
Todo para chegar ás roldas finais reservadas para a matinal do domingo e nas que o gran vencedor foi o Real Club Celta, ao proclamarse campión do torneo cos seus dous equipos.
En categoría benxamín o conxunto vigués gañou na gran final o FC Porto (4-1), e fixo o propio en categoría alevín ante o Real Zaragoza (3-0) asinando un brillante dobrete en Marín.