Triunfo a domicilio do Marcón ante o Alertanavia que lle fai escalar posicións (2-4)
Por Redacción
Segunda vitoria consecutiva en liga en apenas uns días para o Marcón Atlético, que tras gañar ao Alertanavia a domicilio (2-4) consegue afastarse dos postos perigosos da clasificación de Preferente.
Os pontevedreses mostraron unha boa imaxe e nunha saída soñada lograron encarrilar o duelo. Iván Mallo aos 5 minutos puxo en vantaxe aos de Borja Burgos, Sapi fixo o segundo ao cuarto de hora e Arturo puxo o 0-3 cun bo tanto no minuto 25.
O Alertanavia estaba tocado, pero meteuse no choque con dous tantos nos minutos 45 e 48 de xogo. Todo estaba de novo nun pano, ata que apareceu Iván Paz para facer o definitivo 2-4 no 62.
Con este resultado o Marcón colócase con 25 puntos na zona media da táboa, décimo.
Consulta a acta do Alertanavia-Marcón Atlético.
Mal día do Juventud Cambados en Ponteareas, onde se deixou o liderado ao perder por 2-1 ante o Areas.
Os amarelos viron cortada a súa gran serie de resultados nun duelo no que se viron a remolque desde o minuto 23 pero no que tiveron opcións ata os minutos finais.
Fixo dano o 2-0 dos locais no minuto no minuto 71, cun tanto que terminou introducindo en propia portería Adrián. Ramón recortou distancias a falta de 9 minutos dando esperanzas de rescatar un punto, pero non o conseguiu o Cambados.
Os de Burgáns caen así á segunda posición da táboa con 38 puntos, aínda que manteñen unha importante renda co terceiro posto.
Consulta a acta do Cultural Areas-Juventud Cambados.
Segue sen gañar o Villalonga, que tivo unha boa oportunidade para logralo no difícil campo do Barbadás pero que tivo que conformarse co empate (2-2).
Os locais puxéronse por diante aos 18 minutos de xogo, pero nesta ocasión os celestes non viñeron abaixo e seguiron pelexando ata que atoparon premio, xa no segundo acto. Brian puxo a igualada no 58, e Guerra poñía na man a vitoria co 1-2 no minuto 78, con todo a alegría durou pouco porque un minuto despois o Barbadás conseguía empatar. Ao final, cun home menos, o Villalonga conseguiu polo menos sumar un punto.
Pese ao empate os de San Pedro seguen con 13 puntos na parte baixa da clasificación.
Consulta a acta do Barbadás-Villalonga.
Tamén segue en problemas o Xuventú Sanxenxo, que non puido aguantar a súa vantaxe e terminou cedendo unha derrota ante o Estradense en Baltar de Arriba (2-3).
Os visitantes golpearon primeiro aos 5 minutos, pero os amarelos reaccionaron rápido para remontar con dous goles de Diego Lorenzo no 12 e o 21. A pesar de verse por baixo, os da Estrada tiraron de solidez para terminar volteando de novo o marcador na segunda parte con dous goles de Borja.
Coa derrota o Sanxenxo queda con 17 puntos na décimo sexta posición.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Estradense.
Non puido o Beluso co Velle (1-0) no encontro disputado no campo da Aira.
Os de Bueu, que se manteñen cuartos con 31 puntos, estiveron preto de puntuar, evitándoo o solitario gol de Alberto Camba para os locais no minuto 24.
Consulta a acta do Velle-Beluso.
Claras derrotas dos dous conxuntos do Grove. O Unión, a pesar de adiantarse no minuto 74 por medio de Quique García, non logrou conservar a súa renda e viu como nos minutos finais o Pontellas asaltaba o Monte da Vila e o liderado con tres goles (1-3).
A boa imaxe do cadro meco non lle permite en todo caso escapar do último posto con 11 puntos.
Consulta a acta do USD O Grove-Pontellas.
Por último o Amanecer apenas tivo opción no campo do Atios (4-0), nun duelo que os locais empezaron a decidir xa no minuto 6 e no que en ningún momento contaron con oportunidade.
Os do Grove quedan así en metade de táboa con 23 puntos.