Desfeita teucrista no derbi ante un gran Cangas (28-34)

© Diego Torrado

© Diego Torrado

© Diego Torrado

© Diego Torrado
Duro golpe o encaixado pola Sociedad Deportiva Teucro no derbi pontevedrés da Liga Asobal, disputado no medio dun gran ambiente nas bancadas do Pavillón Municipal dos Deportes.
A intensidade do Cangas matou aos azuis desde o inicio do choque. Saíron mellor os de Magi Serra, que defendían máis forte e lograban correr en rápidas transicións para comezar mandando da man do seu eterno capitán Suso Soliño, autor de 5 dos primeiros 7 goles dos seus nun parcial de saída de 3-7.
Custáballe ao cadro teucrista en ataque, e atascado na súa primeira liña empezou a acumular erros para desesperación dos afeccionados locais. Nin o tempo morto pedido por Luís Montes nin o cambio a defensa 5-1 lograban deter a sangría (4-11). Nese momento pareceron desperezar timidamente os azuis reducindo a 5, pero o certo é que nada cambiou e nin desde os 7 metros conseguían bater a un inspirado Javi Díaz, que se foi ao 50% de paradas ao descanso (8 de 16). O resultado, un contundente 8-16 no intermedio.
Facía falta un cambio, e polo menos ofensivamente si se produciu tras o paso polos vestiarios. O Teucro, con substitución tamén na portería, empezou a ver porta, pero seguía sen dar coa tecla en defensa e o Cangas manexaba a súa vantaxe con frialdade.
O duelo igualouse en xogo, cos locais tentando unha e outra vez achegarse no marcador pero sen conseguilo por unha ou outra cousa. Unha vez unha protestada exclusión ao banco, outra unha perda ou precipitación, o caso é que os do Morrazo non vían perigar a súa renda.
Luís Montes probábao todo, e co cambio a unha defensa máis presionante e aberta o equipo reduciu o buraco ata os 5 tantos a falta de 12 minutos (22-27). Ruxía a parroquia local, tamén a numerosa afección canguesa tentando empuxar aos seus. Abríase unha pequena porta á esperanza que se encargou de disipar o conxunto visitante. O Teucro non foi capaz de rebaixar a barreira dos 5 goles, e o Cangas mantivo a súa intensidade e fame de triunfo.
Mesmo foi a por máis. Aos de Magi Serra non lles bastaba cos dous puntos, querían deixar case sentenciado o average particular, aspecto que pode ser decisivo a final de tempada, e seguiron defendendo forte e correndo para marchar ata o 28-34, un resultado que lles fai pasar o Teucro na clasificación (ambos con 7 puntos) e saír dun descenso no que meten aos pontevedreses. O derbi foi unha batalla, perdida para uns e gañada para outros, pero aínda falta moita guerra por diante.
SD TEUCRO (28): Santana, Moyano, Natan Suárez (2), Samu Gómez (3), Cutura (6, 3p), Gehrhardt, Cangiani (3) -siete inicial- Juan Quintas (1), Rial, Fischer (3), Dani Hernández (4, 1p), Samuel Pereiro, Cristian Remeseiro, Domingo Luis (1), Sergio Pérez (5), Lloria.
BM CANGAS (34): Javi Díaz, Vujovic (1), Suso Soliño (13, 7p), David Chapela (4), Maxi Cancio , Franco Gavidia (1), Dani Cerqueira (1) -siete inicial- Moisés Simes (3), Aranda (5), Rubén Soliño, David Iglesias, Muratovic (2), Mitic, Boisedu (4), Pablo Castro, Pablo Galán.
Árbitros: García Mosquera e Rodríguez Rodríguez. Excluíron a Fischer, Rial, Domingo Luis, Santana e Cutura no Teucro e a Mitic, Dani Cerqueira (2), Franco Gavidia (2), Maxi Cancio e Aranda no Cangas.
Marcador cada cinco minutos: 1-3, 3-6, 4-10, 5-12, 7-14, 8-16, descanso, 11-19, 15-21, 18-25, 24-29, 25-31, 28-34.
Incidencias: Partido da xornada 14 da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante ao redor de 2.300 espectadores. Antes do inicio do choque soou o himno galego.
As mellores imaxes do derbi entre Teucro e Cangas
O derbi pontevedrés da Liga Asobal reuniu a numeroso público no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra
© Diego Torrado
Relacionadas:
-
Natan Suárez asina co Cuenca horas despois de deixar o Teucro "por problemas familiares"
Por Redacción |
-
Segue de capa baixa o Teucro, derrotado con contundencia en Benidorm (34-25)
Por Redacción |
-
A liga non dá tregua ao Teucro, que visita Benidorm "con ganas de levantarse"
Por Diego Espiño |
-
Moito en xogo para Teucro e Cangas na "festa do balonmán galego"
Por Diego Espiño |
-
Derrota esperada do Teucro en Barcelona nun partido de puro trámite (41-26)
Por Redacción |
-
O Teucro abre o seu proceso electoral á presidencia
Por Diego Espiño |
-
Mal día na oficina para o Teucro ante o Atlético Valladolid (25-31)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |