A gripe golpea o vestiario do Pontevedra
Por Diego Espiño
Unha dor máis de cabeza para Milo Abelleira a semana na que o filial do Celta de Vigo visita Pasarón. Aos problemas físicos dalgúns xogadores do primeiro equipo uníronse as enfermidades propias do outono.
Stefan é o primeiro afectado polo virus da gripe. O dianteiro, que se presentou en Príncipe Felipe para adestrar cos seus compañeiros, finalmente non o fixo ante as ordes do técnico pontevedrés, que preferiu que descansase e evitar así posibles contaxios. Si adestrou Moisés Pereiro, a pesar de sufrir un forte arrefriado.
En canto aos xogadores con molestias, os peor parados seguen sendo Richi e Sestelo. Ambos os dous exercitáronse entre algodóns apenas media hora, e acabáronse retirando da sesión condicionados por un terreo de xogo brando, que se ben aguantou a chuvia caída, non era propicio para unha boa recuperación.
O que parece que evoluciona favorablemente é Tubo que, aínda que con algunha dor, traballou co resto do grupo.
Nesta situación Milo ten previsto convocar a todos os futbolistas dispoñibles para a cita ligueira do domingo ante a previsión de máis contratempos en forma de enfermidade ou persistencia das molestias físicas. Na lista poderían entrar tamén algún integrante do equipo xuvenil.