Alerta amarela no Pontevedra, con ata catro xogadores apercibidos de sanción
Por Diego Espiño
Ás lesións e problemas físicos que tivo que superar o Pontevedra nas últimas semanas úneselle agora unha nova ameaza, as sancións.
Ata agora, só David Castro en dúas ocasións e Adrián León nunha perderon algún choque por suspensión, tras ser expulsados, pero ningún outro membro do primeiro plantel tivera que afrontar este problema ao non cumprir ciclo de amoestacións.
Sen embargo todo cambiou coas tarxetas recibidas nas últimas xornadas, e que deixaron ata a catro xogadores en 'capela', a unha só amarela do castigo.
Especialmente delicada pode ser a situación da liña defensiva nas próximas semanas, xa que os últimos en situarse con 4 amarelas foron Campillo e Adrián León coas súas amoestacións en Bouzas, mentres que os outros apercibidos son Pedro Vázquez e Berrocal. Pola súa banda Nacho López, Romay e Álex González contan con 3 tarxetas ata a data.
Non será un inconveniente no próximo compromiso ligueiro ante o Unión Adarve Pasarón, pero si pode chegar a selo no tramo final da primeira volta e inicio da segunda, unha fase importante na tempada dos granates.
PASARÓN, XUÍZ NO ASALTO ÁS PRAZAS DE PLAY-OFF
Ante o Pontevedra ábrese unha interesante posibilidade tras os seus dous últimos triunfos en liga, que lle situaron na sexta praza con 23 puntos, a só 3 da terceira posición e a 6 do liderado. Os de Luismi están a un paso de meterse entre os mellores da categoría, e por diante aparece un calendario no que o Estadio Municipal de Pasarón terá especial protagonismo.
Do próximas cinco xornadas de liga, catro disputaranse no coliseo granate, toda unha oportunidade para consolidarse na zona de privilexio.
O primeiro en visitar a Boa Vila será o domingo 9 de decembro (17:00 horas) o Unión Adarve (13º na clasificación), seguindo unha semana despois, o domingo 16, o Las Palmas Atlético (7º). O ano pecharase fóra ante o filial do Atlético de Madrid o 22 de decembro, mentres que 2019 iniciarase cun Pontevedra-Real Madrid Castilla (4º) o 6 de xaneiro e un Pontevedra-Unionistas (12º) o día 13 de xaneiro no que supón o comezo da segunda volta.
Relacionadas:
-
O fútbol en horario matinal volve a Pasarón
Por Redacción |
-
Pibe pecha cunha obra de arte a goleada do Pontevedra ao Unión Adarve (3-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O "incómodo" Unión Adarve pon a proba a un Pontevedra á alza
Por Diego Espiño |
-
Rivera e Pibe meten o Pontevedra nos oitavos de final da Copa RFEF
Por Redacción |
-
Seriedade e contundencia do Pontevedra na súa visita ao Rápido de Bouzas (1-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Nacho López estará entre 3 e 4 semanas K.O.
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra cambia de base e establécese en Cerponzóns
Por Diego Espiño |