Dolorosa derrota do PRC ante o Lalín e triunfo incontestable do Mareantes contra o Barbanza
Por Redacción
Tivo na súa man o empate o Pontevedra Rugby Club na última acción do seu partido ante o Lalín, pero terminou encaixando unha dolorosa derrota.
Os pontevedreses caeron na casa por un apertado 15-17, e quedan estancados na penúltima posición da Primeira División Galega (LGR1) con 8 puntos.
O cadro visitante tentou impoñer a súa superioridade física, tomando a dianteira ao descanso (3-12), pero o PRC mostrou na segunda metade unha gran imaxe defensiva para ir recortando aos poucos a desvantaxe, a través de golpes de castigo e de dous ensaios que puxeron ao alcance o empate. Con todo, co tempo cumprido, fallouse a última transformación que tería suposto a igualada.
VITORIA DO MAREANTES NA LGR2
O que volveu á senda do triunfo foi o Mareantes na segunda categoría autonómica, tras superar de maneira contundente ao Barbanza no campo de Monte Porreiro (42-15).
O dominio do xogo inclinouse cara aos locais desde os primeiros minutos de partido, chegando mesmo a sumar bonus ofensivo xa no tempo de descanso.
Importante vitoria para os pontevedreses que lles consolida na segunda posición da táboa con 22 puntos ao remate da primeira volta.