A Deputación apoiará economicamente a deportistas de alto nivel e promesas
Por Alejandro Espiño
Deportistas de alto nivel e promesas terán, a partir de agora, o apoio económico da Deputación de Pontevedra. Será a través dunha liña de bolsas que contarán cunha partida inicial de 200.000 euros, segundo avanzou este venres a presidenta, Carmela Silva.
Estas axudas, que se articularán a través de dúas novas marcas -DepoDan e DepoPromesas-, repartiranse entre os aspirantes segundo os resultados deportivos que cada un deles obtivese durante os anos 2017 e 2018.
Un dos principais obxectivos, segundo Silva, é promover a actividade destes deportistas nos anos de preparación dos Xogos Olímpicos.
O primeiro paso para poñer en marcha estas bolsas será a aprobación dunhas bases reguladoras na que se recollerán os requisitos que deberán cumprir os aspirantes, entre eles estar empadroados en Pontevedra.
No caso dos deportistas de alto nivel, entre outras, deberán ter máis de 16 anos e estar recoñecidos como tal pola Xunta de Galicia ou o Consello Superior de Deportes (CSD), mentres que as promesas serán bolseiros os deportistas de 12 a 16 anos e que, sen figurar no nivel anterior, sexan susceptibles dunha próxima incorporación pola súa proxección.
Ademais, Carmela Silva garantiu que haberá o mesmo número de bolseiros entre deportistas masculinos e femininos e, ao mesmo tempo, tamén haberá unha atención especial a deportistas con diversidades funcionais.
A Deputación, por outra banda, tamén aprobou a concesión de 500.000 euros en axudas a asociacións e clubs deportivos da provincia. Delas beneficiaranse 189 entidades de 44 concellos de Pontevedra.