Bertamirans tirou de oficio e arrancou un valioso empate (1-1) fronte ao Arosa na Lomba
Por Ramiro Espiño
Foi a escoller o peor día o Arosa de Piscis para ofrecer a súa peor versión. Certo é que os arlequinados chegaban a este primeiro envite da eliminatoria de terceiros clasificados bastante minguados, con ausencias importantes como a de Adrián Camiño, ou con homes básicos con evidentes problemas físicos, caso do goleador Hugo, pero tamén que a súa aposta futbolística parecía sobre o papel suficiente para obter un resultado favorable que lle permitise afrontar a volta con vantaxe.
Non obstante pronto se viu que a tarde non ía ser prácida para a afección local. O Bertamiráns plantouse na Lomba coas ideas moi claras, demostrando ser un equipo moi ben traballado tacticamente, e cunha dose de experiencia que lle permitiu manexar o ritmo de partido ao seu antollo.
Ao fútbol directo dos visitantes, buscando case sempre á súa punta e goleador Álex Blanco, o Arosa intentaba opoñer a súa superioridade no xogo combinativo, especialmente a través das botas do xuvenil, Julio, o mellor sobre o campo mentres lle durou a gasolina, sobre todo cando conseguía asociarse con ÿscar Guimerans.
Precisamente das botas de ambos os dous xurdiu o gol local. Julio tirou un "cano" de escándalo a Gemelo e centrou para que ÿscar, tras un rexeitamento en curto da zaga visitante, aloxase o balón co interior da bota esquerda, por raso, na rede.
Con moita disputa pero poucas oportunidades reais de perigo chegábase o descanso, e tamén coa sensación de que o esforzo podía pasar factura algún dos equipos, que fixeran un gasto importante.
Pero o que ninguén se esperaba é que fose o Arosa, máis afeito a un campo de maiores dimensións, o que rematase sufrindo. A presión visitante sobre a saída do balón fixo que o conxunto vilagarciano renunciase a unha das súas cartas de identidade e en lugar de sacar o balón xogado dende atrás, recorrese aos envíos en longo nos que a superior envergadura rival tiña as de gañar.
A pesar diso, Hugo puido aumentar a conta a pouco da reanudación, pero o seu disparo marchou alto cando estaba só ante a meta rival. Sería o principio do fin para o Arosa. Álex Blanco, nun só minuto, encóntrase coas mans de Jorge, que evita o empate con senllas intervencións de moito mérito, como antesala do gol visitante.
Ata niso non tivo o seu día o equipo de Piscis. A lesión de Juanjo deixou momentaneamente cun menos ao Arosa, provocando un desaxuste defensivo que aproveitou Pablito para rematar con comodidade á media volta, por raso, dende o interior da área.
Logo retiraríase tamén con molestias Martín, pero para entón o Bertamiráns xa era dono e señor do partido. Ausente Julio, desaparecidos ÿscar e Hugo, os arlequinados non lograban crear perigo, mentres o equipo visitante impoñía o ritmo que máis lle interesaba, dando por bo o empate que deixa a eliminatoria costa arriba pero con posibilidades para o Arosa.
AROSA, S.C. (1): Jorge; Santi, Martín (Ríos, minuto 72), Rivas, Juanjo (Borja, minuto 64); Comesaña, Vixo (Jonathan, minuto 78); ÿscar Guimeráns, Julio (Nando, minuto 55), Eloy; e Hugo.
BERTAMIRANS, F.C. (1): José; Jacobo, Otero, Guti, Gemelo; Héctor (Santi, minuto 83), Iván; Saro, Pablito (Sergio, minuto 77), Jesús (Chema, minuto 80); e Álex Blanco (Borja, minuto 88).
Árbitro: Fernández Rodríguez (Ourense), auxiliado nas bandas por Jardón González e González González. Amoestou a Comesaña, Vixo, Nando, Guti, Héctor, Saro, Borja e ao adestrador do Bertamiráns, Javi Touriño.
Goles: (1-0) Minuto 25: ÿscar Guimeráns. (1-1) Minuto 63: Pablito.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía). Uns 2.000 espectadores, algo máis de 200 chegados dende Bertamiráns.