O Pontevedra imponse con xustiza e merecendo máis a un Coruxo ultraconservador (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Reza un de tantos ditos futbolísticos que as xeiras están para romperse e nesta ocasión así foi. Dous polo prezo dunha. A do Coruxo, con sete partidos sen perder e a do Pontevedra, que non gañaba nas tres xornadas anteriores. Visto o visto, o estraño é que ambas as series durasen tanto.
Os granates foron claramente mellores e mereceron un triunfo moito máis amplo que o mínimo 1-0 que ao final reflectía o marcador. Un gol de Javi Pazos decidiu o resultado, nun partido no que os de Luismi impuxéronse ao rival e ao mal estado do terreo, realizando un bo partido, con bo xogo e xenerosa entrega, aínda que cunha perigosa falta de acerto no remate para aproveitar as numerosas ocasións creadas.
Cun Pontevedra que saíu mandón, dominando e encerrando ao Coruxo na súa área, os granates recibían o primeiro contratempo. Tan só ían disputados sete minutos cando Luismi víase obrigado a realizar o seu primeiro cambio ao sufrir molestias musculares Nacho López, tendo que deixar o seu posto a Campillo, que pasaba a situarse no lateral dereito.
O conxunto vigués non aproveitou ao lóxico desconcerto temporal que adoita provocar no contrario unha circunstancia así, e os locais avisarían por primeira vez nun pase filtrado de Pedro Vázquez que Javi Pazos rematou sen demasiada contundencia ás mans de Alberto.
Superado o minuto 20, xogadores e público local pediron con insistencia penalti por clara man de Sergio Rodríguez, que tapou un remate de cabeza de Churre á saída dun corner, pero que o colexiado non viu ou non considerou punible. A oportuna imaxe da acción, captada polo noso compañeiro Diego Torrado, non deixa dúbidas sobre que era penalti. Mentres, o Coruxo seguía sen aparecer, aínda que para entón o dominio territorial do Pontevedra, que seguía sendo total, xa non era tan insistente nas súas chegadas á área rival.
De novo Javi Pazos tivo a oportunidade de inaugurar o marcador, pero non acertou a dirixir ben o balón, mandándoo fora (minuto 30) tras un excelente centro de David Castro que lle deixaba en inmellorable posición.
Dous minutos máis tarde, despois dunha primeira e tímida chegada do Coruxo, con remate frouxo de Manu Justo que non puxo en problemas a Edu, Romay serviu de tacón deixando en bandexa a Javi Pazos, que tampouco acertou á terceira, rematando alto, practicamente a porta baleira. O Pontevedra perdoara a un Coruxo tímido e medroso ata o descanso.
O regreso do vestiario non fixo cambiar o panorama, ao contrario, o Pontevedra intensificou o seu dominio e atopou pronto o premio ao seu mellor xogo e maior ambición. Foi tras unha excelente deixada de Romay que Kevin Presa empalmou con violencia desde a frontal. Entre Alberto e o poste evitaron en primeira instancia o tanto, pero o balón quedou solto para que, esta vez si, Javi Pazos, atento, non tivese máis que empuxar á rede.
Nin ao verse en contra reaccionou o Coruxo, que seguiu a mercé dun Pontevedra superior, pero incapaz de pechar o partido cun novo gol que lles dese a tranquilidade. Os granates mantiñan a súa presión alta, aínda que o seu xogo víase penalizado polo estado, cada vez máis pesado dun cesped lamentable, a pesar dos coidados que se lle dispensan durante a semana.
Os visitantes fiaban a súa sorte á posibilidade dunha contra nunha acción illada, e case atopan un inmerecido premio aos 69 minutos, coa sinxela fórmula dun pase directo desde o lateral dereito, Antonio, a Pitu, que gaña as costas á defensa, pero non acerta no remate, cruzando demasiado ante Edu.
Na recta final nin Pibe nin Álex González acertaron a sentenciar, tras unha gran xogada de Javi Pazos, salvando a zaga viguesa baixo paus, o que fixo que a incerteza se mantivese ata o asubío final, pero unicamente polo curto do marcador, que non por xogo, no que os de Luismi foron moi superiores e mereceron unha renda moito máis ampla.
PONTEVEDRA CF (1): Edu; Nacho López (Campillo, minuto 7), David Castro, Churre, Adrián León, Kevin Presa (Pibe, minuto 81), Álex González, Berrocal, Javi Pazos, Pedro Vázquez e Romay (Mouriño, minuto 68).
CORUXO FC (0): Alberto; Antonio, Sergio Rodríguez, Lucas, Pablo Crespo, Yebra, Óscar Martínez (Advic, minuto 60), Jacobo Trigo, Manu Justo (Pablo Aguilera, minuto 84), Pitu e Juampa (Fernando, minuto 73).
Árbitro: Éder Mallo Fernández (Castela-León), auxiliado nas bandas por Mario Moreno Peña e Juan Manuel Carreira Fernández. Amoestou a Churre e Pedro Vázquez, no Pontevedra, e a Yebra e Jacobo Trigo, no Coruxo.
Goles: (1-0) Minuto 51: Javi Pazos.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.800 espectadores.
Relacionadas:
-
Seriedade e contundencia do Pontevedra na súa visita ao Rápido de Bouzas (1-3)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
As segundas accións e o balón parado, unha obsesión para o Pontevedra en Bouzas
Por Diego Espiño |
-
Nacho López estará entre 3 e 4 semanas K.O.
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra cambia de base e establécese en Cerponzóns
Por Diego Espiño |
-
A 'Operación Centola' crúzase no camiño do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Cambio de rumbo no equipo xuvenil do Pontevedra para tentar evitar o descenso
Por Redacción |
-
Cun ollo no estado de Pasarón e outro nun Coruxo en plena xeira positiva
Por Diego Espiño |
-
Empate 'in extremis' do Pontevedra ante o Langreo nunha fría estrea en Copa RFEF (1-1)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
A choiva e a carga de partidos elevan a preocupación polo céspede de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Dous descoidos defensivos custan a derrota a un gran Pontevedra ante o Sanse (2-1)
Por Redacción |