ÿltimo adestramento e vacacións para os xogadores do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Caeu o pano. O equipo do Pontevedra, o seu cadro de xogadores, corpo técnico e empregados, botaron o peche ao curso futbolístico 2012/2013 cun distendido adestramento en Pasarón, seguido dunha cea de confraternidade, antes de dar comezo ás súas vacacións.
Adestramento suave, máis un xogo que outra cousa para abrir apetito e despedirse dos compañeiros. Algúns deles posiblemente non coincidan a próxima tempada, serán rivais noutros equipos, pero a tarde do xoves era simplemente para divertirse e compartir uns minutos agradables, tanto que a "pachanguiña" que disputaron permitiu alegrías coma que a fisioterapeuta, Nerea Videira, ou Dani, o delegado do equipo, participasen por unha vez do xogo, e mesmo que baixo os paus se situasen como improvisados porteiros Iago Paz e Yago Vázquez.
Logo, xa na intimidade do grupo, compartiron mesa e mantel nun restaurante da estrada de Vigo, para seguidamente iniciar as súas vacacións, pendentes, iso si, das conversacións que deben manter aínda com Milo Abelleira, ou coa persoa que finalmente decida o club, para saber o seu futuro, coñecer se interesan os seus servizos para o próximo ano e negociar a súa continuidade, ou ben buscarse acomodo noutros lares.
O presidente solicitou os xogadores que participaran na ampliación de capital a pesar de deberlles varias mensualidades á maioría
Claro que outro dos aspectos a resolver, e non precisamente o menos importante, é o apartado económico, xa que a todos os xogadores e empregados se lles deben diferentes cantidades e varias mensualidades, algúns mesmo do pasado ano, polo que esperan noticias do club para saber cando recibirán os pagamentos pendentes.
Nese sentido máis dun viuse sorprendido coa última "ocorrencia" que tiveron que soportar ao escoitar de boca do "aínda" presidente do Consello de Administración non hai moitos días que, a pesar dos atrasos nos cobramentos, se atreveu a solicitalos privadamente aos xogadores que participaran na ampliación de capital en curso, adquirindo accións do Pontevedra, petición que a maioría recibiu co lóxico estupor, xa que, por enriba de non cobrar, Rodríguez Boullosa estáballes a pedir que puxesen diñeiro.