Melania Rodríguez e Álex Bernárdez aspiran a medalla no Mundial de Ximnasia Trampolín
Por Diego Espiño
Os deportistas pontevedreses van a por todas no Campionato do Mundo de Ximnasia Trampolín que se está a celebrar en San Petersburgo, Rusia.
Dous dos tres representantes do Club Ximnania Pontevedra - As Burgas Ourense, os pontevedreses Melania Rodríguez e Álex Bernárdez, lograron o pase ás respectivas finais feminina e masculina na modalidade de Doble Minitramp ( DMT).
Fixérono ademais coa primeira e a terceira mellor marca das clasificatorias, o que lles coloca entre os favoritos para loitar polas medallas.
Melania foi a mellor este xoves na rolda preliminar feminina cunha puntuación de 70.300, superando á estadounidense Tristan Natta (69.800) e a canadense Laurence Roux (69.200), e pelexará por subir ao podio mundialista na final prevista para o sábado (16:00 horas).
Pola súa banda Álex Bernárdez clasificouse este mércores co terceiro mellor rexistro (74.100) só superado polos rusos Vasilii Makarski (75.100) e Mikhail Zalomin (76.300). O pupilo do tamén pontevedrés Pablo Hinojar, seleccionador nacional de ximnasia trampolín, competirá na final na tarde do venres (16:00 horas).
O que non conseguiu avanzar ata a final do Doble Minitramp foi o seu compañeiro de equipo, o ourensán Daniel Pérez, que acabou no posto 34 cun só un salto válido.