Carla Sieiro, entre as aspirantes do programa de novos talentos de canoa da RFEP
Por Redacción
Sevilla é escenario esta semana da concentración do programa Detección de Talentos Canoa Muller, impulsado pola Federación Española de Piragüismo (RFEP) para captar a competidoras con potencial de aspirar a estar en próximos Xogos Olímpicos.
A procura destes novos talentos para tentar formar un equipo nacional con aspiracións de estar nas citas olímpicas, conta con dúas representantes do piragüismo provincial, ademais de deportistas de Andalucía, Madrid, Aragón, Valencia, Murcia e Baleares.
Entre as 14 aspirantes seleccionadas atópase Carla Sieiro, padexeira do Piragüismo Poio Pescamar, e tamén Raquel Da Costa (As Torres de Catoira).
O director técnico da RFEP, Ekaitz Saies, e o responsable de canoa do equipo nacional de piragüismo, Marcel Glaván, dirixen ata este venres as sesións nas que as deportistas sometéronse a medicións de altura, envergadura e peso, así como probas de esforzo, natación, carreira a pé e test de equilibrio.
"Hai deportistas que veñen do mundo do piragüismo, xa que algunhas son canoístas e outras proceden da modalidade do kaiak, e tamén hai participantes que chegan desde outros deportes e que aspiran a loitar por unha praza", sinalou o responsable do proxecto en declaracións á Federación Española.
Na preselección tamén se atopan outras dúas deportistas galegas, Cristina Vázquez e Andrea Piñeiro (Náutico Firrete).