O taekwondo pontevedrés pon a súa atención no Europeo Sub-21
Por Redacción
A localidade polaca de Varsovia acolle desde este xoves 8 de novembro e ata o domingo día 11 o Campionato de Europa Sub-21 de Taekwondo, e cara alí vira a atención do deporte pontevedrés.
Faino por dúas deportistas, a marinense Arlet Ortiz (Mat's) e a pontevedresa Sara Cortegoso (Mace Sport), que compoñen parte do equipo nacional.
Unha das primeiras en entrar en competición será leste mesmo xoves Arlet Ortiz na categoría de -53 quilos. A pesar da súa mocidade (17 anos), a deportista do Mat's non se pon límites. "Neste Europeo quero realizar cousas novas que estiven a practicar estes últimos meses, porque cara ao absoluto creo que teño que ter máis recursos. Penso que estou ben, rápida e forte, pero non só depende de min", sinalou en declaracións recollidas pola Federación Galega de Taekwondo.
O venres será a quenda pola súa banda de Sara Cortegoso na categoría de -49 quilos. "Sinto ben polo que as miñas expectativas neste campionato son as de facer un bo papel, sacar o mellor de min e, se é posible, conseguir medalla", sinalou a pontevedresa.
Na cita europea estarán outros tres galegos: Alma Pérez (Suh Sport), Adrián Pombo (Natural Sport Riveira) e Tania Castiñeira ( Hebe).