Un tramo final de ano para definir as aspiracións do Pontevedra
Por Diego Espiño
O primeiro tramo da tempada resultou irregular para o Pontevedra, cun inicio con dúbidas e unha posterior reacción freada o pasado domingo que deixou aos granates en metade de táboa, novenos con 16 puntos.
Con todo as sensacións do equipo pontevedrés son de ir de menos a máis co paso das xornadas, impresión que agora deberán ratificar deixando atrás o tropezón de Guijuelo.
Para iso, Pasarón xogará un papel determinante nas próximas semanas, apoiado nun calendario que ata final de ano definirá as aspiracións reais dos de Luismi Areda, que agora están a 4 puntos do play-off e a seis de distancia sobre a zona de perigo que marca o play-out pola permanencia.
Dos 7 encontros de liga que restan por xogar en 2018, 4 serán na casa, e ademais todos eles serán ante rivais da zona media ou baixa da clasificación a excepción do San Sebatián de los Reyes (2º).
O primeiro adversario será o Fabril (19º con 7 puntos), este domingo 11 de novembro en Pasarón, para despois visitar o Sanse e, por esta orde, xogar ante Coruxo (12º) na casa, Rápido de Bouzas (20º) fóra, Unión Adarve (8º) e Las Palmas B (11º) como locais e Atlético B (13º) a domicilio antes de afrontar o parón de Nadal.
EDU SOUSA PON FIN Á SÚA SEGUNDA MELLOR SERIE SEN ENCAIXAR
Ante o Guijuelo, a pesar da derrota, viviuse un momento importante para o Pontevedra e sobre todo para Edu Sousa. O porteiro tudense converteuse no porteiro que máis tempo mantivo a portería granate a cero na Segunda División B, deixando a marca en 518 minutos e superando así ao francés Nico Bonís (505 minutos).
Non é con todo o mellor rexistro de Edu desde que xoga en Pasarón, xa que na tempada 2013-2014, en Terceira División, mantívose 585 minutos imbatido. Lonxe queda polo momento o récord conseguido por Francisco Rodríguez 'Paco' no curso 82-83, de 764 minutos sen encaixar un tanto.
Relacionadas:
-
Remonta o Pontevedra para empatar tras unha mala primeira parte ante o Fabril (2-2)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Un Fabril en horas baixas, rival do Pontevedra para tentar "recuperar sensaciones"
Por Diego Espiño |
-
Churre e Romay, noticias positivas para o Pontevedra na volta aos adestramentos
Por Diego Espiño |
-
Mikel Arruabarrena, o último en caer
Por Redacción |
-
Duro e esaxerado castigo do Guijuelo a un Pontevedra gris e sen perigo (3-0)
Por Redacción |
-
Derrota do Pontevedra ante o Compostela no Memorial Antonio Bermúdez
Por Redacción |