Despois de tres xornadas sen coñecer a vitoria, o Marcón imponse ao Villalonga (0-1)
Por Sofía Lorenzo
Por fin, o Marcón logra superar totalmente a mala racha de tres xornadas sen coñecer a vitoria tras o encontro ante o Villalonga. Nesta ocasión, a pesar da igualdade, que foi a tónica do partido, o cadro pontevedrés logrou plantar cara aos locais e, así, levar os tres puntos da xornada.
O gol da vitoria chegou pouco antes do termo da primeira parte (minuto 44) grazas a unha acción de Sapi ante a portería de Aarón Ponte. Desta forma, o cadro de Marcón xa marchaba ao descanso coa tranquilidade da vantaxe no marcador.
Tras o paso polos vestiarios, o equilibrio reinou no campo da Lanzada. Proba diso foi unha segunda metade sen goles, o que lle daba aos visitantes a satisfacción da vitoria.
Consulta a acta do Villalonga-Marcón.
Pola súa banda, o Besulo mantense na terceira posición da táboa tras a vitoria desta fin de semana ante o Estradense, que, a pesar de que tentou superar aos de Bueu no encontro, non logrou sequera igualar o marcador.
Foi no minuto 17, cando Richi (que suma catro goles desde o comezo da tempada) anotou o primeiro tanto do partido. Así, os visitantes foron ao descanso con vantaxe no marcador.
Tras o intermedio, parecía que o resultado xa era definitivo, ata que a 8 minutos do termo do choque, Roberto Pastoriza marcou o 0-2. Con todo, no último minuto de xogo, o Estradense conseguiu acertar ante a portería e establecer o 1-2. Foi Jorge o que logrou recortar distancia cos visitantes, aínda que, quizá, demasiado tarde para igualar o resultado.
Consulta a acta do Estradense-Beluso.
O Xuventú Sanxenxo empatou esta fin de semana ante o Amanecer en Baltar de Arriba. Nesta ocasión, os dous equipos enfrontábanse a un choque directo que sería decisivo na clasificación. Con todo, a causa do resultado en táboas, ambos se manteñen empatados en oitava e novena posición con 16 puntos.
Sen dúbida, a igualdade reinou no campo do Sanxenxo. Despois dunha primeira parte sen goles, a segunda metade non foi distinta, polo menos ao comezo. Non foi ata o minuto 75 que Diego Lorenzo anotou o primeiro gol para os locais. Parecía que ese sería o resultado definitivo, pero, no último minuto e rompendo a alegría dos do Salnés, Rubén Rial igualou o marcador (1-1).
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Amanecer.
Doutra banda, o Juventud Cambados consegue afianzar a súa posición no alto da táboa (segundo con 23 puntos) tras a vitoria desta fin de semana ante o Moaña, que só gañou dous partidos no que vai de tempada.
O primeiro gol dos visitantes chegou no minuto 21 da primeira metade, grazas a unha accón de Grego fronte a portería de Javi Vidal. Así, o cadro de Cambados íase ao descanso xa con vantaxe no marcador.
Na segunda parte, Arda logrou anotar o 0-2 catro minutos despois do asubío inicial. Conseguindo desta maneira, a vitoria sobre os de Moaña.
Consulta a acta do Moaña-Juventud Cambados.
Finalmente, o Unión Grove leva unha xeira de catro partidos sen conseguir unha vitoria. Na última xornada, non logrou impoñerse á Sociedade Deportiva Bande en Monte da Vila.
Nesta ocasión, o conxunto pontevedrés non chegou a anotar ningún gol durante o partido, a diferenza dos visitantes que acertaron na portería en dúas ocasións. As dúas foron na segunda metade do encontro. A primeira, por parte de Alberto Blanco no minuto 72. A continuación, a falta dun minuto para que concluíse o choque, Mario Lorenzo conseguiu anotar do 0-2 definitivo que lles outorgaría a vitoria e, con ela, os tres puntos da xornada.
Relacionadas:
-
O Marcón salva un punto 'in extremis' e arranca un empate ante o Unión O Grove (1-1)
Por Redacción |
-
O Marcón cae por goleada ante o CD Moaña (4-0)
Por Redacción | Creada e actualizada
-
O Marcón logra a súa segunda vitoria consecutiva nun vibrante derbi ante o Xuventú Sanxenxo (3-1)
Por Redacción |
-
O Marcón perde por goleada ante o Juvenil (7-1)
Por Redacción |
-
O Marcón cae na casa ante o líder da Preferente, o Pontellas (0-3)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |