Pontevedra apúntase ao fútbol gaélico
Por Diego Espiño
ÿ posible xogar cos pés, pero tamén coas mans. Pódese marcar gol e tamén anotar tirando a paus. Pode resultar estraño para algúns pero isto é o fútbol gaélico, un deporte de orixe irlandesa, de carácter afeccionado, que un grupo de pontevedreses está a intentar fomentar na cidade.
Queren formar un equipo en Pontevedra para unirse a outras iniciativas similares que xa funcionan na Coruña, Santiago ou máis recentemente na Estrada. Como explica un dos precursores, Xoán Paredes, "esto está aberto a todo o mundo, homes e mulleres. O que queremos é xente, pero que teñan claro que todos comezamos de cero, tampouco queremos atletas, non fai falla que se fixera deporte antes".
Vagamente pódese definir como unha mestura de aspectos de xogo do fútbol convencional e do rugby, pero a realidade é máis complexa, "pódese xogar cos pes e tamén coas mans, cunha pelota redonda. Non se permite tanto contacto como o rugby pero si máis que no fútbol tradicional".
Se o balón entra na portaría sumaranse tres puntos, pero tamén se pode anotar un punto tirando por enriba do longueiro, entre os paus.
"ÿ un deporte totalmente amateur, incluso en Irlanda ao máis alto nivel non se cobra"
O equipo que se quere fundar en Pontevedra xa ten nome, SDG Corvos (sdgcorvos@gmail.com), e mesmo escudo, cores e estatutos, "este é un deporte totalmente amateur, incluso en Irlanda ao máis alto nivel non se cobra. Faise por amor á terra representando a túa cidade, vila ou comarca e por amor ao deporte". Ganas de diversión que se completan, como non podía ser doutra forma, co famoso e tradicional terceiro tempo, "ao final o que queremos é pásalo ben, aprender e facer exercicio".
Aínda non teñen lugar regular de prácticas, pero pronto esperan convocar unha xornada de adestramento como primeira toma de contacto seguindo os pasos do club pioneiro en Galicia, fundado en 2010, o Coruña Fillos de Breogán.
A intención máxima de todos os equipos é formar a medio prazo unha liga rexional a través da Asociación Galega de Fútbol Gaélico.
Para coñocer máis sobre este deporte, observa o seguinte video: