O Marcón empata ante o Estradense e o Sanxenxo rompe a serie do Cambados
Por Redacción
Despois de dúas derrotas consecutivas o Marcón Atlético volveu sumar, aínda que só fose un punto, na xornada de Preferente disputada aproveitando a xornada festiva deste xoves 1 de novembro.
Os pontevedreses arrincaron un empate na casa ante o Estradense, nun duelo moi disputado pero que terminou sen goles no marcador.
Con este empate os de Borja Burgos quedan no décimo sexto posto con 12 puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Estradense.
O Xuventú Sanxenxo rompeu a serie do Juventud Cambados ao impoñerse no duelo celebrado no campo de Burgáns (1-2).
Dous goles de Charles nos primeiros 25 minutos de xogo puxeron a favor o encontro aos visitantes. Grego no inicio da segunda metade recortou distancias, pero o Cambados non logrou completar a remontada encaixando a súa terceira derrota do curso.
A pesar diso o Juventud Cambados mantense na segunda posición da táboa con 20 puntos, mentres que o Sanxenxo deixa atrás dúas derrotas consecutivas e ascende á oitava posición con 15 puntos.
Consulta a acta do Juventud Cambados-Xuventú Sanxenxo.
Repartición de puntos entre Amanecer e Villalonga no campo de Lampáns (1-1).
Augusto puxo en vantaxe aos locais ao pouco de iniciar o encontro, aos 3 minutos, o que obrigou a remar ao Villlonga ata que no 70 Jesús lograba a igualada. De aí ao final calquera puido levar os tres puntos, pero o marcador non se moveu.
A sexta igualada da tempada para o Amanecer deixa o cadro meco décimo con 15 puntos, mentres que o Villalonga é décimo terceiro con 12 puntos.
Consulta a acta do Amanecer-Villalonga.
O Beluso deuse unha homenaxe na casa na visita ao Juvenil de Ponteareas, ao que goleou por un claro 4 a 0.
Os de Bueu adiantáronse no minuto 13 por medio Adrián Estévez, aínda que non encarrilaron o duelo ata pasado o descanso co segundo tanto, obra de Jorge Segura. Despois chegaría a expulsión dun futbolista visitante, que acabou coas opcións de puntuar do Juvenil e permitiu que se completase a goleada coas dianas de Manu Freire e Roberto Pastoriza,
Coa vitoria o Beluso colócase con 18 puntos na sexta posición.
Consulta a acta do Beluso-Juvenil Ponteareas.
Terceira derrota consecutiva do Unión Grove, que se viu superado no seu encontro ante o Valladares (2-0).
Os locais puxéronse por diante no minuto 23 de xogo, obrigando ao equipo meco a ir a remolque. A pesar diso mantivéronse con opcións de puntuar ata os instantes finais, cando xa no desconto chegou a sentencia.
A derrota deixa o Unión Grove penúltimo con 10 puntos.