Uxía Martínez e Iago Salvador, vencedores do Open de Tenis Cidade de Pontevedra
Por Redacción
As pistas do Club de Tenis Pontevedra na Caeira foron escenario este domingo das finais do XXIV Open de Tenis Cidade de Pontevedra 'Lourdes Domínguez', despois de varias xornadas de competición na súa fase final.
En ambas as dúas categorías, tanto a masculina como a feminina, chegaron á gran final os principais cabezas de serie do torneo.
Unha delas era a xogadora local Carla del Barrio (Club de Tenis Pontevedra), que gañara na semifinal Raquel Villán, pero non logrou superar á número 1 galega, Uxia Martínez (Club Tenis Coruña), que levou o título do open pontevedrés.
Pola súa banda na competición masculina disputáronse o campionato o número 2 e o 4 do ranking autonómico, Tomás Currás (Náutico de Vigo) e Iago Salvador (Club Ureca de Vigo), sendo o triunfo final para o segundo deles.
O Open Cidade de Pontevedra, que recuperaba este ano o seu cadro absoluto feminino, destacou ademais por igualar os premios con 840 euros en metálico en cada unha das categorías.