Vitoria importantísima ante o Alarcos dun Cisne que ilusiona (28-27)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado
Partido para enmarcar o dos pontevedreses. Aínda sendo o resultado desfavorable durante o primeiro tramo do mesmo, nunca baixaron os brazos, conseguindo así a súa primeira vitoria en casa. E nin máis nin menos que ante o Alarcos Ciudad Real, segundo clasificado ata a data.
Empezou o Cisne por detrás no marcador. Unha defensa moi dura e transicións rápidas por parte dos visitantes fixeron que estes estivesen por diante os primeiros 25 minutos. Con todo, nunca chegaron a despegarse o suficiente, feito que permitiu recompoñerse aos locais, darlle a volta ao partido e irse ao descanso dous goles por diante (14-12).
Cabe destacar unhas fantásticas actuacións individuais de José Leiras (5 goles) e Andrés Sánchez (4).
Na segunda parte, moitos erros en ataque e, sobre todo, perdas de balón ocasionaron que os manchegos igualasen o marcador no minuto 13 (19-19).
A partir dese momento, e conscientes de que o partido podía írselles das mans, os de Jabato lograron recuperar a calma necesaria en ataque.
Pablo Gayoso (máximo goleador do Cisne no que vai de ano) foi determinante unha vez máis. Ademais de desatascar ao equipo cando máis o necesitaba, foi capaz de asistir en numerosas ocasións a Dani Ramos, xogador moi difícil de parar en 6 metros.
Nos últimos minutos, accións arbitrais moi dubidosas (para ambos os lados) facían totalmente imprevisible o resultado final. A pesar diso, e grazas tamén a un pavillón entregado, o Cisne logrou levar unha vitoria máis que merecida (28-27).
CISNE (28): Juan Novás; Andrés Sanchez (3), Miguel Simón, Javi Vázquez, José Leiras (7), Álvaro Preciado (1), Alejandro Conde -sete inicial-, Igor dos Santos, Alberto Casares (2), Álex Chan (3), Pablo Picallo (2), Bruno Vázquez, Pablo Gayoso (7), Guillerme Linhares, Dani Ramos (3) e Dani Fernández.
ALARCOS (27): Roberto Rodríguez; César Beret (3), Juan Manuel Lumbreras, Manuel Díaz (2), Martín Ariel (9), Brian Negrete (5), Fran Vidal (2) -sete inicial-, Antonio Sario (1), Victoriano Gómez (3), Gonzalo Almansa, Asier Urain, Javier de la Cruz, Juan José Serrano, Javier Candeleda, James Lewis (3), Alejandro Plaza e Joshua Curtis.
Marcador (cada cinco minutos): 0-2, 2-5, 4-7, 7-10, 10-10, 14-12 (descanso), 17-15, 19-16, 19-19, 23-21, 26-24 y 28-27 (final).
Árbitros: Álvaro García Vico e Juan María Sanmartín Almazán.
Incidencias: Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Relacionadas:
-
O Cisne segue intratable e gaña o BM Santoña (28-23)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Cisne alonga a súa boa racha ante o Adrianenc (27-32)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Cisne vence o Puerto Sagunto e fai do CGTD un fortín (32-30)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
O Cisne consegue a súa primeira vitoria ante o Agustinos Alicante (26-28)
Por Sofía Lorenzo |
-
O Cisne frea o líder Torrelavega nun empate con sabor agridoce (24-24)
Por Sofía Lorenzo & Diego Torrado |
-
O Cisne cae ante un Novás que non deu un só respiro
Por Sofía Lorenzo |