O Voleibol Pontevedra non logra frear o Calasancias e perde 0-3 na Xunqueira
Por Redacción
Non foi unha boa xornada para o Club Voleibol Pontevedra. As pontevedresas caeron derrotadas por tres sets a cero ante o Calasancias da Coruña, o líder da Primeira División Galega, no pavillón da Xunqueira 2.
As locais empezaron con forza o partido ante as coruñesas, mostrando un bo nivel e calidade de xogo. Pero todo iso sen conseguir rematar ao final.
Na última fase de cada set, tras unha serie de imprecisións, viron como os marcadores caían sempre a favor das visitantes, que se impuxeron por 0-3 cos parciais 21-25, 20-25 e 20-25.
Con este resultado, o Club Voleibol Pontevedra sitúase na sexta praza da clasificación con tres puntos.
O seu próximo partido será en Carballo, localidade na que visitará ao Xiria co obxectivo de retomar a senda da vitoria e escalar posicións na táboa.