Álex Fernández rompe e estará entre tres e catro meses de baixa por unha lesión muscular
Por Ramiro Espiño
Confirmáronse os peores prognósticos. O centrocampista do Pontevedra, Álex Fernández, que sufriu unha lesión no adestramento do pasado sábado, previo ao partido contra a Ponferradina, causará baixa por un longo período de tempo que os servizos médicos do club cifran entre 12 e 16 semanas, como consecuencia dunha lesión muscular revelada pola resonancia magnética que lle realizou ao xogador este luns.
O parte médico asinado polo doutor Barragáns, médico do club granate, a última hora da tarde deste martes, tras analizar as probas realizadas a Álex Fernández durante o día anterior, confirmaba os peores temores.
"Con data 14/10/18, o xogador Álex Fernández sufriu unha lesión muscular en membro inferior esquerdo, durante o adestramento matinal. Tras revisión inicial, apreciouse lesión de recto femoral a nivel próximal de entidade significativa. Aplicouse tratamento médico e repouso deportivo. O 16/10/18 practícase estudo con resonancia magnética, que confirma lesión de recto femoral en unión miotendinosa do músculo, con afectación de fibras na súa inserción osea e edema muscular perilesional. Seguirá tratamento conservador (médico e rehabilitador). O tempo aproximado de baixa deportiva alcanzará as 12/16 semanas, en función da evolución clínica e da cicatrización muscular".
Desde o club granate anúnciase a comparecencia de Álex Fernández nunha rolda de prensa que terá lugar en Pasarón este mércores, ás 12:30 horas.
Problemas, por tanto, para Luismi, que non poderá contar cun xogador que estaba a ser habitual nas aliñacións do equipo, tanto polo seu bo momento de forma, como pola súa polivalencia, polo menos ata o mes de marzo, cando xa a tempada entre na súa recta final.
Relacionadas:
-
Burgos marca o obxectivo do Pontevedra de continuar a escalada
Por Ramiro Espiño |
-
Álex Fernández, ante a súa lesión: "Son días jodidos. Solo tengo ganas de empezar la recuperación"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra e Ponferradina ofrecen un partido grande aínda que con escasas oportunidades de gol (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O líder pon a proba a reacción do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra xogará un amigable ante o Compostela o 31 de outubro
Por Diego Espiño |