O Teucro, ante a súa semana máis esixente: debuta na Copa do Rei ante o Nava
Por Alejandro Espiño
Tres partidos nunha semana. É o esixente camiño que percorre a Sociedad Deportiva Teucro estes días. Tras a derrota do sábado en Granollers -e antes de viaxar a Irún para xogar contra o Bidasoa-, o equipo pontevedrés debutará mañá mércores na Copa do Rei.
Na segunda rolda do torneo -na primeira estaba exento-, o Teucro viaxará a Segovia para enfrontarse ao Balonmanp Nava, un conxunto de División de Honra Prata que, segundo o adestrador teucrista, Luís Montes, será un rival "complicado".
"É o rival máis complicado que nos podía tocar", explicou Montes, que advirte que o Nava ten un "gran plantel" con dous xogadores "de calidade" por posto, coa portería ben cuberta, cun central como Agustín Casado "que manexa o ritmo perfectamente" e cun bo lanzamento exterior, sobre todo tras a incorporación de Adrián Rosales.
Para o partido, que se disputará ás 20.30 horas no pavillón municipal de Nava de la Asunción, o Teucro viaxará con todos os seus xogadores salvo os xuvenís Sergio Pérez e Domingo Luís Mosquera, que aínda non volveron de Arxentina tras colgarse a medalla de ouro nos Xogos da Mocidade, na modalidade de balonmán praia.
Tampouco irá a Segovia Alberto Garrido, por motivos laborais, que será substituído polo xuvenil Cristian Remeseiro. Con todo, Luís Montes si poderá contar con Iván Fernández, que non viaxou a Granollers por precaución, ao recibir un golpe no adestramento do venres.
O Teucro afronta esta Copa do Rei "con moita ilusión" porque, lembrou Montes, é unha competición "que nos gusta moito" e que co novo formato "hai cousas moi atractivas". O equipo márcase o obxectivo de "ir pasando roldas e ver que opcións temos de competir".
O primeiro paso debe ser derrotar ao Nava na súa casa, un equipo que conta coa vantaxe de ter aprazado o partido de liga que debía disputar a próxima fin de semana, polo que "queimarán todas as naves neste partido", ao entender o adestrador teucrista que posteriormente "teñen tempo de recuperarse e preparar o seguinte".
Relacionadas:
-
O Teucro dilúese en nove minutos e entrega o partido en Irún (32-21)
Por Redacción |
-
Un gol de Iván Fernández a tres segundos do final clasifica ao Teucro en Copa ante o Nava (29-30)
Por Redacción |
-
Sergio Pérez marca o gol que dá o ouro olímpico a España nos Xogos da Mocidade
Por Redacción |
-
O Teucro cae en Granollers lastrado unha vez máis por unha mala posta en escena (30-20)
Por Redacción |