Gregory dálle o segundo triunfo ao Peixe Galego cunha canastra sobre a bucina (82-81)
Por Redacción
Explosión de xúbilo no pavillón da Raña co segundo triunfo do curso para o Peixe Galego, que asina un arranque soñado no seu regreso á liga LEB Prata. Unha canastra de Gregory sobre a bucina decidiu un encontro vibrante ante o CB Estremadura Plasencia (82-81), no que primaron os ataques sobre as defensas.
Os marinenses iniciaron o duelo enchufados, mandando no luminoso cun esperanzador 14 a 7 de saída, aínda que os visitantes foron entrando pouco a pouco no duelo.
Ao final do primeiro cuarto a vantaxe era de 24-19, e no segundo parcial o Plasencia tomaba por primeira vez a dianteira para marchar ao descanso cunha lixeira vantaxe de 41 a 45.
Era un choque de poder a poder, e así continuou tras o intermedio, con alternativas e emoción. Pantín (12 puntos) e sobre todo Gregory (28 puntos) facían crecer aos de Javi Llorente para chegar por diante aos últimos 10 minutos (61-58), pero os estremeños non perdían corda.
O toma e daca continuou ata os minutos decisivos. viña un final de infarto e así foi. Medina poñía por diante o Plasencia a 14 segundos do final, pero o Peixe non dixera a súa última palabra. A só dous segundos unha saque desde o lateral chegaba ao máximo anotador do encontro, Gregory, que se elevou para lanzar e anotar a canastra decisiva.
A Raña converteuse nunha festa e non era para menos. Balance de 2-0 para os locais en liga, pero non hai tempo para moita celebración, xa que o filial do Baskonia agarda o domingo nunha nova xornada de liga, segunda a domicilio para os de Marín.
Consulta as estatísticas do Peixe Galego-CB Extremadura Plasencia.