Chega a hora da verdade para Javi Gómez Noya, que busca ampliar a súa lenda no Ironman de Hawaii
Por Diego Espiño
Todo un ano de esixente preparación para isto. Javier Gómez Noya cítase este sábado 13 de outubro coa historia no Campionato do Mundo Ironman.
Ninguén conseguiu vencer na súa primeira aparición na lendaria proba que se celebra cada ano en Kona, Hawaii, e iso é precisamente o que tentará toda unha lenda do tríatlon como o galego.
O seu nome aparece entre os principais favoritos da proba, a pesar de ser só a súa segunda carreira en distancia Ironman (debutou cun segundo posto en Cairns, Australia). Con todo a de Hawaii é unha proba diferente, xa que á esixencia dos 3.800 metros a nado, 180 quilómetros de ciclismo e o maratón a pé final únese a dureza que achegan as condicións de calor, humidade ou vento.
Xunto a Gómez Noya as miradas céntranse no actual campión mundial, o alemán Patrick Lange, que nas súas dúas participacións previas conseguiu un terceiro e un primeiro posto (2016 e 2017). Tamén se atopa nas quinielas Lionel Sanders, segundo o pasado ano, ou Sebastian Kienle, campión en 2014.
A gran ausencia será a do alemán Jan Frodeno, que derrotou a Gómez Noya no recente mundial en distancia 70.3.
A competición elite masculina do Campionato do Mundo Ironman dará comezo ás 6:35 da mañá en Hawaii, as 18:35 do sábado en España, cunha lista de participantes na que tamén figura outro deportista galego, Iván Raña.
Relacionadas:
-
Gómez Noya, ás portas dos dez mellores do Ironman de Hawái
Por Redacción |
-
Gómez Noya pon rumbo ao Mundial Ironman de Hawaii: "No es fácil llegar la primera vez y ganar"
Por Redacción |
-
Medalla de bronce para Javi Gómez Noya no Mundial Ironman 70.3
Por Redacción |
-
Brillante dobrete de Gómez Noya e Pablo Dapena no Challenge Praga
Por Diego Espiño |
-
Javi Gómez Noya, segundo no seu debut na esixente distancia Ironman
Por Alejandro Espiño |