O Teucro sae á rúa co obxectivo de que Pontevedra volva ser azul
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Quen teña pasado este mércores pola tarde pola praza da Peregrina puido atoparse cunha portería de balonmán e cos xogadores do Teucro practicando tiros con escolares. Trátase dunha iniciativa do club de balonmán pontevedrés que quere realizar accións para animar ás familias e aumentar o número de socios que acudan ao Pavillón para animar ao equipo teucrista.
Ademais, a acción tamén serviu para facer visible o acordo con Rei Zentolo. Esta empresa deseñará camisetas relacionadas co deporte do balonmán e coa cidade para promocionar a imaxe do Teucro utilizando a súa habitual "retranca". Ademais crearán un espazo no establecemento situado na Peregrina para conter material do club como tenda oficial.
Carlos García Alén, presidente do club, sinalou que tamén regalan entradas aos menores para o vindeiro encontro no Pavillón, que será o 3 de novembro. Esta campaña trasladarase tamén a centros educativos. O máximo responsable da entidade quere recuperar a afección que hai dúas ou tres décadas existía cara ao balonmán en Pontevedra con máis de 3.000 persoas nas bancadas para ver os partidos do Teucro.
PARTIDO CONTRA O GRANOLLERS
O adestrador Luís Montes, que tamén acudía a este evento, indicou que esta semana adestraron con normalidade todos os xogadores de cara ao enfrontamento contra o Granollers, que será este sábado 13 a partir das 17.45 horas.
Montes afirmou que, nesta ocasión, será unha viaxe cómoda. Adestrarán o venres pola mañá en Pontevedra e desprazaranse en avión a terras catalás durante a noite.
Relacionadas:
-
O Teucro cae en Granollers lastrado unha vez máis por unha mala posta en escena (30-20)
Por Redacción |
-
O Teucro, a repetir xesta en "una de las pistas más complicadas de la categoría"
Por Diego Espiño |
-
A primeira vitoria do Teucro chega ao grande, tombando o Ademar (26-24)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |