Rafa Vidal, 40 anos de historia viva do Pontevedra que agora será "un afeccionado máis"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Chegou ao Pontevedra Club de Fútbol por primeira vez no ano 78 "con Vázquez Pereira", rememora, e tras un ano fóra "volvín no 80". Agora, case 40 anos despois vai dicir adeus ao club dos seus amores, ese do que é parte xa da súa historia.
Rafa Vidal xubilarase o próximo 17 de outubro despois de catro décadas dedicado a realizar "case de todo" na casa granate. Encargado de material, do campo, chegou a pintar as bancadas e mesmo "axudar cando empezaba a Televisión de Galicia, que lle montabamos os palcos e todo. Non había nada e tiñámolo que montar nós con madeiras cada vez que viñan", rememora.
Tal foi a súa dedicación que "estou aquí as 24 horas do día, eu máis nada que descanso medio día á semana, cando xogamos na casa", asegura. Chegou mesmo a durmir en Pasarón "cando facían os concertos para abrirlles as portas cando viñan montar os escenarios".
Tantos anos dan para ver pasar a moita xente por diante dos seus ollos. Presidentes, adestradores, xogadores, persoal. De todos quere acordarse agora, dos "Rulo, Señora Lola, Jacinto, Monchito, Julio, la Rubia, María José, Fierro, Natalia, Tomé, o Secre... non quero olvidarme de ninguén", recoñece, tampouco de "o meu irmán e o meu tío" que "foron os que me inculcaron isto".
De entre eles, un técnico deixoulle positivamente marcado. "Héctor Rial para min foi un cabaleiro do fútbol, ata veu a despedirse de nós a Pontevedra a semana antes de morrer", explica Vidal.
Eran outros tempos, uns anos que estraña porque "o fútbol cambiou bastante. Eu creo que antes era máis unha familia, agora practicamente somos case unha empresa", defende sen quitar méritos ao momento actual do club, pero é que naquela época "tiraba moito máis o escudo, a camiseta, e viviamos moito máis o día a día xuntos", xustifica.
Tamén afecta iso á contorna, porque Rafa Vidal aínda lembra "vir co meu pai ao fútbol, pasar a ponte do Burgo que era a que había e non podía pasar nin un coche de toda a xente que viña. Hoxe por desgraza creo que non se volve a ver. A fases de ascenso a Segunda foron moi bonitas pero como aquelas...".
"O fútbol cambiou bastante. Eu creo que antes era máis unha familia"
Catro décadas dan para moito, momentos bos e malos, ascenso e descensos, e tamén épocas de penurias. Como empregado do club chegou a estar 8 meses sen cobrar a súa nómina. "Iso foi o máis duro" recoñece, pero "foi despois cando veu Lupe que nos pagou todo". Tamén viu por exemplo como o corpo técnico encabezo por Milucho e os xogadores chegaron a facerse cargo do club para que non desaparecese, un momento no que todos, e el non podía ser menos, achegaron o que estaba nas súas mans. "Eles ían pedir diñeiro e como os xogadores tiñan que descansar eu quedábame aquí a rotular os letreiros das empresas que apoiaban para poñer no campo, e quedaba se cadra aquí ata a 1:00 da mañá pintando letreiros".
Son historias que quedan gravadas na memoria, e que agora seguirña vivindo "como un afeccionado máis na bancada", un lugar no que "vou sufrir", asegura, aínda que "eu creo que se sofre máis aquí dentro, non cabe dúbida, porque é onde vives con eles, cos xogadores, as viaxes... Porque cando se gaña todo é alegría pero cando se perde que a xente se cre que non pero veñen moi amolados", defende pensando nos futbolistas, cos que sempre, di, tivo unha gran relación.
Moitos deles acordáronse del estes días, do mesmo xeito que o propio Pontevedra que prepara para el unha comida de homenaxe que se celebrará esta sábado 13 de outubro no Pazo da Cultura (menú de 30 euros previa inscrición). "É de agradecer o que se están acordando de min", sinala atafegado. Non é para menos, vaise parte do escudo do Pontevedra, ese que leva xa gravado no peito despois de tantos anos de dedicación.