Inmellorable estrea do Peixe Galego no seu regreso á LEB Prata ao vencer a domicilio o Clavijo (74-79)
Por Redacción
Segue de doce o Peixe Galego. Despois de completar a pasada campaña en EBA unha liga perfecta, gañando todos os seus encontros, os de Marín regresaron este domingo pola porta grande á LEB Prata ao gañar a un dos, a priori, máximos candidatos ao ascenso, o CB Cavijo (74-79).
Fíxoo ademais a domicilio, en Logroño, despois dun encontro no que tivo que aguantar o empuxe local durante os primeiros 20 minutos e que empezou a virar ao seu favor tras o descanso.
Aínda sen poder contar con Vashil Fernández, clave resultou o papel de Antonio Pantín, liderando desde a pintura o ataque 'peixe' e situándose como o máximo anotador do encontro con 24 puntos.
Os de Javi Llorente empezaron por detrás no primeiro cuarto (23-17) pero cunha notable defensa mantivéronse no choque á espera da súa oportunidade, e esta chegou tras o descanso (39-33). A pesar da curta rotación pola que apostou o técnico, con apenas 8 xogadores, o equipo foi crecendo co paso dos minutos, comezou a mandar no terceiro parcial (57-59) e logrou aguantar a súa pequena renda nuns emocionantes 10 minutos finais ata o 74 a 79 final.
Todo un empuxón de moral para o Peixe Galego, que xa pensa en repetir ante a súa afección o vindeiro xoves 11 de outubro ante o CB Extremadura Plasencia.