Os goles de Arruabarrena dan unha vitoria de prestixio a un sólido Pontevedra en Fuenlabrada (0-2)
Por Redacción
Serio, sen concesións á galería e eficaz ante a meta rival. Foi o que ofreceu o Pontevedra no Estadio Fernando Torres para anular as armas do potente Fuenlabrada e conseguir tres puntos de ouro. Dous goles de Arruabarrena deron aos de Luismi un triunfo merecido e balsámico, nun partido pouco estético pero moi práctico dos granates.
Apostou o técnico granate por unha defensa de tres centrais (Adrián León, Campillo e Churre), deixando as bandas para Nacho López e Álex González. Mouriño e Álex Fernández tiñan a misión de xerar xogo, co apoio de Romay que debía servir de enganche coa parella de dianteiros, Javi Pazos e Arruabarrena. O obxectivo era tanto ter opcións de ataque, como sobre todo evitar que o Fuenlabrada puidese xogar cómodo na zona ancha.
Pero a formulación de Luismi non impediu que o Fuenlabrada dese un susto moi pronto, nunha rápida saída de balón con penetración de Clavería polo centro que tivo que ser cortada por Campillo a escasos metros da frontal, nunha perigosa falta que custou a amarela ao central granate, e que os locais estrelaron na barreira.
Foi o único que pasou no primeiro cuarto de hora, fóra da rigorosidade do colexiado, que fixo honra aos seus antecedentes de "rápido" cos cartóns, mostrando nada menos que tres neses quince minutos.
O Pontevedra asomábase pouco, pero empezou a facelo cunha falta lanzada por Mouriño, que tivo o mesmo destino que a primeira do Fuenlabrada, rexeitada pola barreira, e un remate de Arruabarrena que terminou en corner.
A presión exercida na zona ancha por ambos os equipos provocaba numerosos erros nas entregas e obrigaba aos dous equipos a buscar solucións con envíos en longo que non expuñan excesivos problemas ás respectivas defensas.
Preto da media hora (minuto 26), por mor dun corner, chegou o primeiro susto serio para os visitantes, de novo con problemas para defender as accións a balón parado. O balón chegou a ser tocado ata por tres xogadores do Fuenlabrada, terminando cun remate de Clavería que se foi ao fondo da rede, pero que o árbitro anulou por fóra de xogo de Cata Díaz.
Tentouno Mouriño de lonxe nun disparo que se marchou alto, ata que, cando o Fuenlabrada parecía entrar nos seus mellores minutos, non en canto a xogo, pero si a dominio, unha saída arriscada de balón da zaga madrileña terminou cun balón roubado que dá dentro da área na man de Iribas, sinalando penalti o colexiado. Arruabarrena asumiu a responsabilidade, facendo boa a "lei do ex" para adiantar aos granates.
O gol deixou tocado a un Fuenlabrada que viu na chegada do descanso un alivio para tentar solucionar os seus problemas e atopar a maneira de facer dano a un Pontevedra serio, que apenas facía concesións, e que destacaba pola súa entrega, máis que polo seu xogo.
E os comezos da segunda parte devolveron a dous equipos reactivados e incisivos. Hugo Fraile avisou por dúas veces, sen éxito, o mesmo que Álex González, que obrigou a intervir ao porteiro madrileño.
Pero foi un espellismo. O Pontevedra deu un paso atrás defendendo a súa vantaxe e o Fuenlabrada pasou a dominar, aínda que con parecidas dificultades para crear perigo.
Os granates mantíñanse firmes, sen sufrir apenas máis que nun remate de Juanma, desde a frontal, ao que respondeu Edu co seu "milagre" habitual, sacando unha man sensacional para sacar un balón que se coaba xunto ao poste (minuto 67).
E do que puido ser o empate, pasouse á sentenza. Nunha saída dos galegos o balón terminou en corner que Arruabarrena encargouse de transformar no 0-2, anticipándose no primeiro pau nun perfecto remate de cabeza.
Luismi, que movera ficha dando entrada a Berrocal por Mouriño, para osixenar o centro do campo, viuse obrigado a esgotar os cambios ao acusar molestias Adrián León. Deu entrada a Nacho Lorenzo e protexeu aos seus pasando a unha defensa de catro máis convencional, para poboar aínda máis o centro do campo coa presenza de Pedro Vázquez por Javi Pazos, xusto antes do segundo tanto.
Foi suficiente para terminar de apagar as ideas dun Fuenlabrada incapaz de facer dano, nin case de inquietar a un Pontevedra ben plantado e que tivo a eficacia ante o gol que lle faltou en xornadas anteriores.
CF FUENLABRADA (0): Ánder; Iribas, Sotillos (Souley, minuto 81), Cata Díaz, Juanma, Clavería (Óscar, minuto 71), Filipe ( Quero, minuto 56), Cristóbal, Borja Lázaro, Hugo Fraile e Javi Gómez.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Nacho López, Adrián León (Nacho Lorenzo, minuto 74), Campillo, Churre, Álex Fernández, Álex González, Romay, Javi Pazos (Pedro Vázquez, minuto 67), Mouriño (Berrocal, minuto 62) e Arruabarrena.
Árbitro: Germán Cid Camacho (Castela-León), auxiliado nas bandas por Jesús Rodrigo Gonzalo e Néstor Holgueras Castellanos. Expulsou por dobre amoestación ao xogador do Fuenlabrada, Cristóbal (minuto 93). Amoestou a Borja Lázaro, Hugo Fraile e Cata Díaz, no Fuenlabrada, e a Campillo e Berrocal, no Pontevedra.
Goles: (0-1) Minuto 37: Arruabarrena, de penalti. (0-2) Minuto 70: Arruabarrena.
Incidencias: Estadio Fernando Torres (Fuenlabrada). Uns 2.000 espectadores, con presenza de afeccionados galegos, como sempre que o equipo granate xoga en terras madrileñas.
Relacionadas:
-
Pontevedra e Ponferradina ofrecen un partido grande aínda que con escasas oportunidades de gol (0-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O líder pon a proba a reacción do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra xogará un amigable ante o Compostela o 31 de outubro
Por Diego Espiño |
-
Difícil saída a Fuenlabrada para un Pontevedra que busca poñer fin á súa seca
Por Diego Espiño |
-
Kevin Presa, entre algodóns na volta aos adestramentos
Por Diego Espiño |
-
Polémica e emoción pero pouco xogo para un empate sen goles entre Pontevedra e Celta B
Por Diego Espiño & Diego Torrado |