Polémica e emoción pero pouco xogo para un empate sen goles entre Pontevedra e Celta B
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Non soluciona os seus problemas o Pontevedra co empate conseguido este domingo ante o Celta B en Pasarón, nun duelo marcado pola polémica e que os granates tiveron na súa man ao xogar 21 minutos en superiordidade numérica.
Despois de varias xornadas con importantes novidades no once, Luismi volveu ao seu plan orixinal, o que traballou desde o inicio da pretempada, con só algún intercambio de cromos. Buscaba o preparador granate arrebatarlle a iniciativa ao filial celeste, e aínda que non o conseguiu nos instantes iniciais si aos poucos o Pontevedra foi gañando metros e protagonismo.
Avisou con dous disparos desde fóra da área o cadro visitante nos primeiros 10 minutos, o segundo de Pastrana que obrigou a intervir a Edu con certos apuros, e non foi ata o minuto 11 cando o primeiro achegamento local, cun remate de Pedro a centro de Álex González que marchou alto, empezou a igualar as forzas.
O encontro non brillaba en canto a xogo, por ningún dos dous bandos, e converteuse máis nunha pelexa no centro do campo, unha monotonía que só rompían a contagotas os granates nalgunha acción máis por ganas que por acerto. Así David Castro levantou ás bancadas cun disparo de 40 metros que se marchou rozando o traveseiro no minuto 28, e oito despois Javi López puxo un bo centro para Álex González que a defensa enviou a córner cando se dispoñía a rematar. Pouco máis ocorreu ata o descanso.
Todo se revolucionou á volta de vestiarios. Só pasaran dous minutos cando tras unha falta do Pontevedra Pastrana revolvíase dando un empuxón a Álex González. Expulsión e cartón amarelo para David Castro que tamén acabaría tendo a súa importancia.
Coa superioridade numérica os locais deron un paso á fronte e fixéronse co control do xogo, co Celta replegado atrás. Puido conseguir o 1-0 Pedro nun centro-chute que obrigou a lucirse a Iván Villar na portería celeste, e pouco despois Kevin probaba sen fortuna desde fóra da área.
Tamén puido adiantarse o filial nunha acción illada, cunha xogada individual de Ibán que tras regatear a Churre disparou tocando o esférico no defensa marinense para estrelarse na madeira.
Seguíao tendo a pesar de todo na súa man o Pontevedra, pero na seguinte xogada chegou a segunda polémica do choque. David Castro tentaba sacar o balón en liña defensiva cando sofre unha entrada de Ibán. O dianteiro do equipo vigués buscara o cartón dos seus rivais esaxerando caídas en mais dunha ocasión, e tras pugnar con el o colexiado entendeu que o apartaba de maneira brusca sacándolle a segunda cartolina. Faltaban 22 minutos 10 contra 10.
Nun principio o de Luismi seguiron tentando levar o protagonismo, e achegáronse con perigo cun lanzamento coa zurda de Álex Fernández que se marchou por pouco fóra e outra de Álex González, pero foron perdendo forza, o partido volveu a embarrar e o marcador xa non se movería para desesperación da parroquia local que ansiaba conseguir tres puntos que terían feito levantar o voo ao seu equipo.
PONTEVEDRA CF (0): Edu Sousa, Nacho López, David Castro, Churre, Adrián León, Álex Fernández, Kevin, Javi López (Mouriño, minuto 69), Álex González, Pedro Vázquez (Javi Pazos, minuto 80), Arruabarrena.
RC CELTA B (0): Iván Villar, Riki, Alende, Ros, Rai, Pampín, Pastrana, Álex, Jacobo (Vega, minuto 80), Ibán, Aarón (Molina, minuto 60).
Árbitros: Alberto González Hernández, auxiliado nas bandas por Rodrigo Gonzalo e Sánchez Ingidua (Castela-León). Amoestou a Nacho López, Adrián León, Kevin, Javi Pazos e Pedro Vázquez no Pontevedra e a Rai no Celta B. Expulsou por dobre amarela a David Castro (47 y 67) e vermella directa ao visitante Pasatrana (min.47).
Incidencias: Jornada 6 de liga da Segunda División B disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante ao redor de 2.500 espectadores.
Relacionadas:
-
Os goles de Arruabarrena dan unha vitoria de prestixio a un sólido Pontevedra en Fuenlabrada (0-2)
Por Redacción |
-
Difícil saída a Fuenlabrada para un Pontevedra que busca poñer fin á súa seca
Por Diego Espiño |
-
Kevin Presa, entre algodóns na volta aos adestramentos
Por Diego Espiño |
-
As "arenas movedizas" ameazan o Pontevedra ante a visita do Celta B
Por Diego Espiño |
-
Luismi apela á "calma y tranquilidad" pero recoñece que de non gañar ao Celta B a situación volveríase "preocupante"
Por Diego Espiño |
-
Veñen curvas para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Duro e esaxerado correctivo do Inter de Madrid a un Pontevedra sen capacidade de reacción (3-0)
Por Redacción |