Despedida cómoda con goleada do Pontevedra B (5-2) ante un Barco que non opuxo resistencia
Por Ramiro Espiño
Sen nada en xogo, unha vez confirmada a súa permanencia na Rexional Preferente, o Pontevedra B tomou o partido de despedida ligueira como unha especie de festa homenaxe. O rival, o C.D. Barco, sumouse ao espectáculo e non quixo ou non puido evitar que os granates, a pesar de que o técnico local, Manu Fernández, aproveitou para dar minutos e premiar moitos dos homes menos habituais, lle endosasen unha goleada que puido ser de escándalo a pouco que os rapaces do filial pisasen un pouquiño o acelerador.
A debilidade defensiva visitante quedou patente en apenas 20 minutos, tempo que necesitou Collazo para rematar dúas accións a balón parado mal defendidas polo cadro visitante e poñer un cómodo 2-0 no marcador.
Certo é que entre un e outro tanto houbo unha acción para a polémica, no que o árbitro ignorou un claro penalti cometido por Cristóbal Domínguez sobre Kevin Levis, que ademais puido supoñer a expulsión do central granate, pero logo os granates foron netamente superiores, e só a relaxación nos minutos finais permitiu ao conxunto ourensano maquillar o resultado con dous goles de penalti, despois de que os locais se tivesen posto cun contundente 4-0 favorable, con goles de Pedro, cunha soberbia definición aproveitando un non menos bo pase de Tomás, e de Paco, cun lanzamento dende a frontal da área.
O broche final púxoo de novo Pedro, ao culminar unha contra iniciada por el mesmo, con pase a Patrick que lanzou ao poste, recollendo o rexeitamento Pedro para marcar pracer.
A nota negativa púxoa o colexiado, ao que se lle foi a man coas tarxetas, expulsando un xogador por cada equipo, nun partido intranscendente.
PONTEVEDRA, C.F. B (5): Edu Souza; Uru, Pacheco (Tomás, minuto 46), Cristóbal Domínguez, Dani Adán; Héctor, Collazo (Diego, minuto 46); Pingui (Paco, minuto 56), Pedro, Víctor; e Javi Pazos (Patrick, minuto 46).
C.D. BARCO (2): Santi Díaz (Iván Anta, minuto 46); Iván Gunty, Adrián Ramos (Raúl Blanco, minuto 46), Marcones Costa, Santos Padín (Coté Iglesias, minuto 46); Rubén Quiroga, Cristian Presas; Iago Fernández (Sergio, minuto 46), Adrián Novo (Kevin Anta, minuto 53), Diego Fernández; e Kevin Levis.
Árbitro: Ventoso Noal (Santiago), auxiliado nas bandas por Ferrol Muñiz e Mirazo Insua. Expulsou con vermello directo a Cristóbal Domínguez (minuto 83) e por dobre amarela a Cristian Presas (minuto 85). Amoestou a Cristóbal Domínguez, Javi Pazos, Adrián, Paco e Sergio.
Goles: (1-0) Minuto 6: Collazo. (2-0) Minuto 22: Collazo. (3-0) Minuto 47: Pedro. (4-0) Minuto 62: Paco. (4-1) Minuto 76: Kevin Levis, de penalti. (4-2) Minuto 83: Diego Fernández, de penalti. (5-2) Minuto 88: Pedro.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 200 espectadores.