Luismi apela á "calma y tranquilidad" pero recoñece que de non gañar ao Celta B a situación volveríase "preocupante"
Por Diego Espiño
O Pontevedra Club de Fútbol retomou este mércores os adestramentos tras unha xornada de descanso e fíxoo con todos os seus futbolistas dispoñibles, reincorporado Nacho Lorenzo ao grupo, e pensando no seu particular "Tourmalet", que comezará o vindeiro domingo ante o segundo clasificado, o Celta B, en Pasarón.
A situación en liga non é a esperada a estas alturas de competición, décimo sextos na táboa, cando chega unha fase de calendario a priori moi esixente. É consciente diso tanto o plantel como o seu adestrador, Luismi, que recoñece que "si no consigues sacar los tres puntos nos metemos en una situación que ya empieza a ser preocupante", sinalou con respecto ao choque ante o filial céltico.
En todo caso o técnico apelou á "calma y la tranquilidad" que "tiene que ser nuestra mejor aliada", xa que "llevamos las jornadas que llevamos, esto acaba de empezar", explicou na habitual comparecencia dos mércores ante os medios de comunicación.
Luismi mostrouse tranquilo polo rendemento do seu equipo, que entende mereceu moita mellor sorte o pasado domingo ante o Inter de Madrid e creou ocasións suficientes para levar os tres puntos. Tanto é así que "a pesar del resultado creo que acertamos con la alineación", reafirmouse, xa que "lo que buscábamos salió y sólo faltó el gol".
O preparador granate explicou ademais que Mikel Arruabarrena entrou na convocatoria pero acudiu a Madrid cun forte golpe nas costelas que non lle permitiu estar ao 100%, polo que decidiu dar entrada no seu lugar no once inicial a outro futbolista, como foi Berrocal.
Relacionadas:
-
Polémica e emoción pero pouco xogo para un empate sen goles entre Pontevedra e Celta B
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
As "arenas movedizas" ameazan o Pontevedra ante a visita do Celta B
Por Diego Espiño |
-
Veñen curvas para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Duro e esaxerado correctivo do Inter de Madrid a un Pontevedra sen capacidade de reacción (3-0)
Por Redacción |