A Secretaría Xeral para o Deporte crea unha comisión para controlar a violencia en eventos deportivos
Por Redacción
Galicia decláralle a guerra á violencia no ámbito deportivo. A Secretaría Xeral para o Deporte constituíu este martes a Comisión Galega de Control da Violencia.
Trátase dun órgano que dará cobertura e resposta as denuncias que se produzan no contexto da práctica de competicións oficiais deportivas de ámbito autonómico, provincial, zonal ou local, tendo en conta que a Comisión Estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no Deporte do Consello Superior de Deportes dá cobertura ás competicións oficiais deportivas a nivel estatal.
A constitución chega uns meses despois de que o Consello da Xunta aprobase, o 31 de maio de 2018, o decreto polo que se regula a súa composición e funcionamento e o procedemento sancionador na materia, polo que a partir de agora poderá actuar directamente e non só en vía de revisión de decisións federativas en temas de violencia.
"A constitución desta Comisión era unha demanda da sociedade ante as imaxes que todos temos gravadas na retina de enfrontamentos entre espectadores, insultos aos deportistas e aos árbitros ou comportamentos nada desexables de adestradores", sinalou a secretaria xeral, Marta Míguez, asegurando que "a nosa prioridade é a de prevención, sensibilización e a educación nos valores do deporte".
A Comisión Galega de Control da Violencia reunirase un mínimo de dúas veces ao ano e as súas funcións organizaranse en dous grupos: preventivo e sancionador.
Nestes grupos de traballo tomarán parte representantes de diversas áreas da Xunta de Galicia, federacións deportivas, da esfera universitaria ou educadores, entre outros.
Relacionadas:
-
A comisión galega antiviolencia estudará sancións aos implicados na pelexa nun partido de prebenxamíns
Por Diego Espiño |
-
Antiviolencia propón sancionar un afeccionado por ensinar unha bandeira independentista galega en Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Antiviolencia multa con dureza un afeccionado do Murcia polo seu comportamento en Pasarón
Por Diego Espiño |