Deportivo B e Pontevedra a cumprir o expediente dunha última xornada ligueira sen alicientes
Por Ramiro Espiño
Podía ter sido un partido decisivo e non obstante quedou nun mero trámite para despedir unha tempada ligueira de triste recordo para os granates. O Pontevedra vaise ata Abegondo para disputar os últimos 90 minutos oficiais dunha campaña na que o equipo se despide da competición de forma anticipada, sen a ilusión de disputar un play-off que era o obxectivo previsto antes de comezar a Liga.
O Deportivo B, coa mirada posta nese play-off, tampouco se xoga moito máis. Unicamente a posibillidad de cambiar o seu cuarto posto actual polo terceiro que ocupa o Compostela, en caso de picada dos composteláns, o cal tampouco é que revista maior transcendencia. O partido terá como escenario o campo principal da cidade deportiva herculina, "O mundo do fútbol", o domingo (17:30 horas), con arbitraxe dun colexiado colexiado catalán, de Lleida, Rafael Díaz Melero, dentro do intercambio entre colexios arbitrais que xa se fixo familiar esta tempada.
Os granates realizaron o seu último ensaio da semana no campo de Príncipe Felipe. Milo Abelleira non poderá contar, como xa era esperado, con algúns dos seus homes máis veteranos, como son os casos de Cristóbal Juncal e Moisés Pereiro, por acumulación de tarxetas, ademais de Jacobo, polos seus problemas nas costas. Non obstante recupera a David Pérez, aparentemente superada a lesión muscular que o mantivo afastado do equipo as dúas xornadas anteriores.
A dúbida estriba no concurso do porteiro, Sergio Lloves, ao ter recibido un golpe no pé, o que provocou que Milo convoque ademais de ao propio Lloves e a Lorenzo, ao porteiro do filial, Edu Souza, precisamente un xogador saído da canteira do Deportivo.
Así as cousas, Milo lévase ata Abegondo a: Lorenzo, Lloves, Edu Souza (porteiros); Caco, Nano, Sestelo, Adrián, Pablo, Yago Vázquez (defensas); Iago Paz, David Pérez, Fran Fandiño, Tubo (centrocampistas); Stefan, Richi, Santi Domínguez e Buba (dianteiros), mentres Pacheco, Emilio e Javi Pazos repiten unha semana máis co filial, a pesar de que este xa non se xoga absolutamente nada.
A Web oficial do club atacada por un virus informático
A WEB OFICIAL DO CLUB ATACADA POR UN VIRUS INFORMÁTICO
Un virus informático afectou á web oficial do Pontevedra, que se mantén inoperativa dende hai un par de días. Os responsables de mantemento descoñecen aínda a orixe do problema, pero están a traballar para intentar restablecer o servizo