Os novos equipamentos do Poio Pescamar, estrelas na presentación do equipo
Por Redacción
O Poio Pescamar apostou por un partido fronte a un rival esixente para a presentación oficial ante a súa afección e o Burela demostrou estar un pouco máis rodado, a unha semana do comezo da liga, anotándose a vitoria (1-3), non sen ter que sufrir e acreditar que, un ano máis, serán candidatas ao título.
Pero sen dúbida a estrela da tarde-noite foi o rompedor novo equipamento do equipo "rojillo", que fixo furor en moitos afeccionados, á vez que tamén recibiu críticas en certos sectores pola súa estética. Ben é verdade que esas críticas chegaron maioritariamente desde outras lareiras, porque o certo é que nos círculos máis próximos ao club que preside Juanjo García Camiño, a acollida foi boa.
Sexa como sexa, o certo é que esa camiseta, homenaxe ao seu patrocinador principal e a todas as mulleres que traballan no sector da conserva, deu moito que falar e conseguiu un impacto mediático a nivel nacional considerable.
Este venres, o pavillón da Seca viu como as súas xogadoras saltaban unha a unha á pista, coa capitá Jenny en primeiro lugar, seguida de Ceci, protagonista no vídeo promocional e do resto de compañeiras e cadro técnico.
A súa comercialización espérase xa con expectación, sendo moitos os afeccionados que se interesaron por adquirila, estando previsto que o seu prezo sexa de 20 euros para socios e 25 para o público en xeral.
No deportivo, os afeccionados puideron ver en acción ao equipo que este ano dirixe Dani Díaz, así como ás súas novas adquisicións. O técnico aproveitou para dar minutos a todas as súas xogadores, con Antía Pérez, Irene García, Irene Floriani e Jessi Jineth como caras novas, que se unen ás que se manteñen no equipo: Silvia, Mónica, Ale de Paz, Iria Saeta, Jenny Lores, Ceci, Carol e Daniella.
A pesar da derrota, o Poio Pescamar deixou boas sensacións, nun partido que foi de menos a máis. O Burela abriu o marcador aos 8 minutos, por medio de Peque e aos 17 empataba Daniella Sousa, para marcharse ao descanso con táboas.
A segunda parte ofreceu a un Poio Pescamar máis intenso e dominando o partido, utilizando o xogo de cinco, pero sería o Burela quen lograse levar a vitoria cun gol de Dany aos 33 minutos, sentenciando Peque no último suspiro co 1-3 definitivo.
Relacionadas:
-
Remontada do Poio Pescamar en Alacante para comezar a liga con bo pé (2-3)
Por Redacción |
-
Carol Agulla e Antía Pérez pasan o último corte e estarán nos Xogos Olímpicos da Mocidade
Por Diego Espiño |
-
Carol Agulla e Antía Pérez, carreira cara aos Xogos Olímpicos da Mocidade
Por Redacción |
-
VÍDEO.- A nova camiseta do Poio Pescamar, máis 'conserveira' que nunca
Por Redacción |
-
A valisoletana Irene García reforza o Poio Pescamar
Por Redacción |