Sabela Córdoba, o futuro do alpinismo pontevedrés e galego
Por Diego Espiño
O seu deporte era a ximnasia rítmica pero "descubrí primero la escalada y ahora el alpinismo", asegura Sabela Córdoba, e aí comezou unha grande historia de amor á montaña.
Esta pontevedresa, de só 28 anos e integrante do Club Aromon Montañeiros Pontevedra, acaba de ser seleccionada xunto a outras catro persoas para integrar o equipo de tecnificación de Novos Alpinistas Galegos que impulsou a Federación Galega de Montañismo co obxectivo de darlle pulo a esta modalidade e tentar rexuvenecela.
Foron 14 os aspirantes que pasaron a primeira selección, dos que oito afrontaron unha proba na Serra de Gredos para conformar o equipo galego.
Sabela foi unha das que pasou con éxito o exame, e agora ten por diante "una oportunidad enorme", a que supón contar con dous anos de formación "en todas las modalidades de alpinismo", explica, como pode ser no inverno a escalada sobre xeo. Para iso realizarán saídas periódicas a montañas e rutas de diferente esixencia, algo moi complicado se vives no extremo occidental da Península Ibérica.
"Desde Pontevedra el alpinimos queda bastante lejos", recoñece, pero agora "vamos a poder hacer muchas salidas".
O seu obxectivo céntrase neste tempo en "aprender y sobre todo disfrutar", aínda que se fai imposible que a imaxinación non a leve a debuxar na súa mente grandes retos e cumes no futuro, non en balde o alpinismo "es un deporte para toda la vida, y ojalá me vea a los 80 años en esto".
Vai camiño diso, desde Pontevedra a calquera cima que se poña por diante.