O Internacional de Madrid, un debutante que empezou con forza na Segunda B
Por Diego Espiño
É o que ten esta Segunda División B de catro grupos e 80 equipos. Nela mestúranse clubs con gran historia, afección, infraestruturas e aspiracións, como o Pontevedra, e outros dun ADN totalmente oposto, como o seu próximo rival, o Internacional de Madrid.
O conxunto madrileño, cuxo nome completo é Sección de Acción Deportiva Club de Fútbol Internacional de Madrid Deportes Sociedad Limitada aínda que é máis coñecido como Internacional de Madrid ou simplemente Inter, estréase esta tempada na Segunda División B.
Trátase dun club de nova creación, fundado no ano 2002 por un grupo de empresarios afeccionados ao fútbol, presidido polo inglés Stephen Newman e que tras debutar na Terceira Rexional foi ascendendo categorías a ritmo frenético. Foi así polo menos ata a Terceira División, na que aterraron no 2010. Alí mantivéronse ata que a pasada campaña proclamáronse campións de grupo e derrotaron na eliminatoria final polo ascenso o filial do CD Tenerife.
O Inter de Madrid foi ademais cambiando de sede. Empezou no barrio madrileño de Orcasitas, mudouse despois a Moraleja de Enmedio e desde hai un ano disputa os seus partidos en Boadilla del Monte.
Alí viaxará o vindeiro domingo (12:00 horas) o Pontevedra, a unha instalación de céspede artificial como as que abundan na capital, o campo da Dehesa, na que debutou con forza o Inter na súa primeira incursión na categoría de bronce, e é que o Internacional é oitavo na clasificación con 6 puntos e aínda non perdeu nas catro xornadas de liga disputadas. Encadeou primeiro tres empates ante Fabril, Sanse e Coruxo e logrou a pasada fin de semana a súa primeira vitoria en Bouzas.
A pesar da humildade da entidade, non debe fiarse o Pontevedra dun plantel na que aparecen nomes de futbolistas con experiencia na Segunda División B. Entre eles destaca un ex-granate como Álvaro Muñiz, ademais do congolés Cedrick, ex-futbolista de equipos como o Numancia, Real Betis e Osasuna en Segunda e Primeira División.
Relacionadas:
-
"Habrá cambios" no Pontevedra para medirse ao Internacional de Madrid
Por Diego Espiño |
-
Luismi queda coa capacidade de reacción
Por Diego Espiño |
-
Un impreciso Pontevedra salva os mobles de penalti ante o Valladolid B (1-1)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Reacciona ben o Pontevedra para rabuñar un punto en Navalcarnero (1-1)
Por Redacción |