O Cambados provoca a primeira derrota do Marcón, Beluso e Sanxenxo golean e o Villalonga colle ritmo
Por Redacción
O Marcón Atlético perdeu a súa imbatibilidade no Grupo Sur de Preferente ao ceder por 0 goles a 2 no seu enfrontamento ante un Juventud Cambados máis efectivo.
Nun encontro aguerrido e moi igualado, os amarelos aproveitaron dúas indecisións defensivas dos pontevedreses para levar os tres puntos en xogo.
As accións decisivas ocorreron nos últimos 20 minutos. Pénjamo fixo o 0-1, e aínda que os de Borja Burgos tiveron opcións de empatar, Gregorio xa no minuto 82 sentenciou.
Con este resultado o Marcón cae á oitava posición con 7 puntos, mentres que o Cambados colócase sétimo cos mesmo puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Juventud Cambados.
Segunda vitoria consecutiva do Xuventú Sanxenxo, que mostrou a súa mellor versión en Baltar de Arriba para golear sen piedade o Antela (6-0).
O dominio foi absoluto desde o inicio de partido, cos amarelos adiantándose no marcador aos 6 minutos por medio de Adrián Freire. Álex de penalti facía pouco despois o segundo e Diego Lorenzo conseguía un dobrete para deixar o encontro case sentenciado pasada a media hora de xogo.
O cadro visitante estaba na lona, e recibiu outro golpe coa expulsión de Iago antes do descanso. Xa no segundo acto Adrián Freire completou o marcador con outros dous goles para o seu particular hat- trick.
A vitoria coloca ao Sanxenxo segundo na clasificación con 8 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Antela.
Outro que goleou, aínda que con maior traballo, foi o Beluso no seu campo ante o Bande, ao que venceu por 5 goles a 1.
Os de Bueu tomaron vantaxe no minuto 13 por medio de Richi, pero os visitantes reaccionar e empataron no 22. Adrián Estévez devolvía a vantaxe ao Beluso antes do descanso, e tras o paso polos vestiarios dous penaltis resultaron decisivos para sentenciar, transformados por Cidrás. Róber redondeou o resultado co quinto xa no tramo final.
Con este resultado o Beluso sitúase nunha cómoda décima praza con 6 puntos.
Consulta a acta do Beluso-Bande.
O Villalonga empeza a coller o ritmo da Preferente coa súa segunda vitoria da tempada, conseguida de maneira solvente no seu estadio ante o Velle (2-0).
Dous goles de Diego decidiron. O primeiro para dar tranquilidad aos celestes aos 5 minutos de xogo, e o segundo para terminar coa resistencia do cadro visitante chegando xa ao ecuador do segundo acto.
Grazas a este triunfo o Villalonga ascende á quinta posición con 7 puntos.
Consulta a acta do Villalonga-Velle.
As dúas derrotas da xornada chegaron para os equipos do Grove, empezando por un Amanecer que cedeu opoñendo resistencia a un dos máximos aspirantes ao ascenso, o Barbadás (1-2). O cadro ourensán levou a batuta do encontro e a iniciativa no marcador desde o minuto 5, pero os locais non lle perderon a cara ao encontro e chegaron aos últimos minutos con opcións.
A pesar da derrota o Amanecer mantense no medio da táboa, undécimo, con 6 puntos.
Consulta a acta do Amanecer-Barbadás.
Peor pintan as cousas para o Unión Grove, que non só segue sen gañar, senón que segue sen ver porta nas catro xornadas disputadas. Esta vez o Moaña foi o que se impuxo por un claro 3-0.
O cadro meco competiu ata o minuto 45, cando chegou o primeiro tanto. Despois, un penalti nos primeiros minutos do segundo tempo acabou por sentenciar.
Desta forma o Unión queda como pechacancelas da competición con 1 punto.